O Pazo da Peregrina do Concello de Ames acolleu a presentación da primeira edición de “A diversidade no emprego”, unha xornada dirixida a empresas e veciñanza co obxectivo de poñer en valor o talento e a capacidade das persoas con discapacidade no ámbito laboral e empresarial.
Organizada polo Concello de Ames, a través das Concellarías de Promoción Económica e Benestar Social, a presentación contou coa participación de diversas entidades sociais implicadas na iniciativa. Ademais de COGAMI, tamén colaboran CEGASAL, FAXPG, Down Compostela e Inserta da Fundación ONCE.
“A diversidade no emprego” nace como un espazo de encontro e intercambio no que entidades, empresas, persoas con discapacidade e veciñanza poderán compartir información, recursos e experiencias. A xornada busca, por unha banda, apoiar ás empresas na incorporación de políticas inclusivas e, por outra, visibilizar as oportunidades e beneficios da contratación de persoas con discapacidade.
Durante a presentación, Anxo Queiruga destacou a importancia deste tipo de iniciativas para avanzar cara a unha sociedade máis inclusiva: “Cómpre seguir rachando cos estereotipos que rodean ás persoas con discapacidade, porque para este colectivo o emprego vai moito máis alá da inclusión laboral: é tamén unha ferramenta fundamental para a inclusión social”.
Programación da primeira edición de “A diversidade no emprego”
O evento celebrarase o vindeiro venres 22 de maio na Casa da Cultura do Milladoiro e contará coa participación de numerosas empresas do concello e da contorna. Ademais, toda a xornada poderá seguirse en directo por streaming. As persoas interesadas en asistir deberán formalizar previamente a súa inscrición mediante o seguinte formulario de inscrición.
Tras o saúdo institucional, terá lugar unha mesa de diálogo coas entidades colaboradoras, que compartirán información, recursos e experiencias orientadas a favorecer a implantación de políticas inclusivas nas empresas e a dar a coñecer as posibilidades de contratación de persoas con diferentes capacidades.
Ao longo da mañá tamén se proxectará un vídeo protagonizado por traballadores e traballadoras con discapacidade, moitos deles veciños e veciñas de Ames. Na elaboración desta peza audiovisual colaboraron empresas e entidades sociais como Milongas Bertamiráns, Limpiezas Salgado, A-Emotional Light, Tecidos Tolemia, CLUN, Burger King Cancelas, COGAMI, Coregal, Ilunion TextilCare, Dixardín e Combina Social.
Arredor das 11.15 horas será a quenda das verdadeiras protagonistas: persoas traballadoras e empresas compartirán experiencias reais vinculadas ao emprego e á inclusión laboral desde a óptica da discapacidade. A xornada rematará ás 11.50 horas cun acto de agradecemento e cun café no hall da Casa da Cultura para todas as persoas participantes.