A área de Emprego de COGAMI organiza anualmente accións de mellora da empregabilidade, coñecidas como AMES, co fin de achegar a empresa á persoa que busca a incorporación laboral, para que exista un contacto máis directo no que a empresa lles ofrece información relevante como que requiren da persoa cando realizan os procesos de selección, por exemplo.
Unha destas AMES realizadas foi en Lugo, na que se trataron os procesos de selección na empresa. Contou coa colaboración de UTE EcoLugo, adxudicataria do servizo de limpeza, recollida e transporte de residuos sólidos urbanos da cidade. As persoas encargadas de impartir esta charla foron o director técnico de Explotación de Geseco, José Carlos Díaz, quen estivo acompañado do encargado do Servicio de Ecolugo, Jesús López Ferreira.
Algúns dos temas impartidos nesta xornada, á que asistiron persoas inscritas na base de datos de COGAMI como demandantes de emprego, xiraron entorno ao acceso e á convocatoria de emprego na empresa, os requisitos e a formación que solicita unha empresa, como coñecer as políticas e os valores dunha empresa e remataron coa posta en valor do sector da limpeza viaria.
Un dos obxectivos destas AMES é que as persoas apuntadas na base de datos de COGAMI e as empresas teñan un contacto directo, como unha maneira de sensibilizar ao mundo empresarial para que coñeza os perfís e as condicións das persoas, rachando cos prexuízos mentais que existen sobre a discapacidade. Ao mesmo tempo permite que as persoas que buscan a incorporación ao mercado laboral saiban que é o que valora unha empresa á hora de contratar persoal laboral.
As sete oficinas nas que está presente o servizo de Emprego de COGAMI desenvolven AMES, ofrecen estas accións de mellora da empregabilidade durante todo o ano, como xa se fixeron en Ourense, Santiago e A Couña. Durante o ano pasado foron 26 as que se realizaron en colaboración con empresas da zona.