COGAMI forma ás familias das persoas usuarias dos centros de recursos que ten en Lugo e Silleda

Durante este ano, COGAMI desenvolveu varias formacións nos centros de recursos que ten en Fingoi, en Lugo, e en Medelo, no Concello de Silleda, para formar ás familias das persoas usuarias destes centros de día e ocupacionais.

Denominado programa In-itinere, consistiu en realizar actividades con familias e intervención familiar en situación de especial vulnerabilidade ou dificultade social derivada da condición de discapacidade.

Para levar a cabo estas formacións, contouse co apoio da Consellería de Política Social e Xuventude a través dos fondos do 0,7% de IRPF das persoas contribuíntes que marcaron o recadro 106 de Actividades de interese social.

Este ano o programa realízase en Lugo e Medelo, e as temáticas están baseadas nas necesidades detectadas tanto polos profesionais como polas propias familias.

O programa  finalizou cunha formación sobre o papel do coidador que se impartiu no centro de Fingoi, en Lugo, e na que se trataron temas como os prexuízos e expectativas, as consecuencias prácticas e as repercusións psicolóxicas, así como as redes de apoio dispoñibles para esta figura. Esta acción formativa vén a complementar as xa realizadas noutros temas de interese para as familias das persoas con discapacidade, como pode ser a ciberseguridade ou atención especializada en materia sanitaria, e que buscan mellorar as condicións e formación das principais figuras coidadoras e promover a autonomía das persoas con discapacidade en situación de especial vulnerabilidade ou dificultade social.

Ademais das sesións grupais, o programa inclúe un seguimento e traballo individual coas persoas usuarias e familias.

Galería de imaxes

Todas