COGAMI impulsa cada ano máis de 90 proxectos a través da captación de financiamento público e europeo


Cada ano, COGAMI presenta unha media superior ás 150 solicitudes de proxectos a diferentes organismos públicos e privados co obxectivo de obter financiamento que permita manter e ampliar os seus servizos. Destas iniciativas, execútanse arredor de 90, tanto propias como en colaboración coas entidades membro, como ocorre nas convocatorias financiadas a través dos fondos do IRPF.

Concellos, Xunta de Galicia, Deputacións, Ministerios, Fundación ONCE, Fundación “la Caixa”, COCEMFE e Fondos Europeos figuran entre os principais organismos financeiros que fan posible que estas propostas se transformen en servizos reais dirixidos á mellora da calidade de vida e da autonomía das persoas con discapacidade.

A través destes servizos, COGAMI presta atención cada ano a máis de 15.000 persoas a través de áreas como emprego, formación, accesibilidade, promoción da autonomía persoal, voluntariado, lecer, información, asesoramento e orientación, asistencia persoal, atención temperá, atención a persoas maiores, atención diúrna e fortalecemento do movemento asociativo.

Innovación social con fondos europeos

Unha parte significativa dos proxectos desenvólvese a través da captación de fondos europeos, que permiten impulsar iniciativas innovadoras e transformadoras. Entre eles destacan RUMBO, Erasmus+ e o recentemente iniciado ConVive Rural.

“Para innovar resulta moi importante estar en Europa. Os fondos europeos permiten avanzar nas políticas europeas que teñen un impacto directo na vida das persoas con discapacidade e, por outra banda, experimentar alternativas máis innovadoras para prestar os nosos servizos”, explica Catuxa Pereira, coordinadora da área de Proxectos de COGAMI.

ConVive Rural: vivir no territorio con apoio

O proxecto ConVive Rural, iniciado este ano, está financiado polo Fondo Social Europeo e a Fundación MAPFRE, e foi solicitado a través de COCEMFE. De ámbito estatal e desenvolvido en varias comunidades autónomas, ten como obxectivo garantir o dereito das persoas con discapacidade a vivir de forma independente, con seguridade e benestar no seu propio territorio, reforzando o arraigo local e evitando a institucionalización.

Esta iniciativa promove modelos personalizados de asistencia persoal e acompañamento. Para mediados de ano, COGAMI prevé poñer en marcha dúas vivendas semiasistidas con asistencia persoal compartida, dirixidas a persoas con discapacidade física e orgánica que residen en contornas rurais.

“Estas vivendas de transición permitirán que a persoa que o precise, apoiada por profesionais, poida residir temporalmente nelas e permanecer na súa contorna”, sinala Catuxa.

RUMBO e Erasmus+: innovación e boas prácticas

Entre os proxectos financiados con fondos europeos xa desenvolvidos destaca RUMBO, levado a cabo en colaboración con 22 entidades do terceiro sector. Esta iniciativa impulsou modelos innovadores de apoio á autonomía persoal e á vida independente, co obxectivo de retrasar ou evitar a institucionalización. No seu marco puxéronse en marcha vivendas de transición e actuacións de adaptación e accesibilidade en fogares.

No ámbito educativo, os proxectos Erasmus+ permitiron avanzar en solucións compartidas e intercambio de boas prácticas. ACT-INCLUSIVE promoveu a educación inclusiva e o protagonismo do alumnado con discapacidade na creación de contornas accesibles, mentres que INNO3D-SEN, aínda en execución, estivo orientado á mellora das competencias do profesorado e persoal terapéutico no uso da impresión 3D aplicada ao deseño de axudas técnicas personalizadas.

“Todos os proxectos que poidamos desenvolver e que teñan un bo impacto na persoa, trataremos de impulsalos”, conclúe Catuxa Pereira, resumindo o criterio que guía a acción de COGAMI: situar sempre á persoa no centro das políticas e dos servizos.

Galería de imaxes

Todas