COGAMI incorpora tres condutores para o servizo de transporte adaptado dos centros de atención diúrna da provincia de Pontevedra

COGAMI incorpora tres condutores para o servizo de transporte adaptado dos centros de atención diúrna da provincia de Pontevedra

Os centros de atención diúrna que COGAMI ten na provincia de Pontevedra, en Medelo (Silleda), Monteporreiro (Pontevedra) e Mos, ampliaron o seu persoal coa incorporación dun condutor en cada centro, destinado ao servizo de transporte adaptado. En total, son tres os novos profesionais que atenderán as necesidades de mobilidade das persoas usuarias destes centros. Esta contratación foi posible co financiamento do 0,7% do IRPF, procedente das persoas contribuíntes que marcaron o recadro de Actividades de Interese Social, e que é xestionado pola Xunta de Galicia.

Estes centros ofrecen servizos de apoio a persoas con discapacidade física e mixta, co obxectivo de promover a súa autonomía e mellorar a súa calidade de vida. A través de programas de saúde, formación, asesoramento, lecer, rehabilitación e estimulación cognitiva, as persoas usuarias poden desenvolver as súas capacidades e independencia. O servizo de transporte adaptado é esencial para garantir que todas elas poidan acceder a estes recursos, especialmente nun territorio caracterizado pola dispersión xeográfica.

As rutas de transporte abranguen unha ampla área da provincia. No centro de Medelo, realízanse tres rutas diarias que suman ata 394 quilómetros, conectando localidades como A Estrada, Cuntis, Forcarei, Silleda e Vila de Cruces. Pola súa parte, o centro de Mos organiza cinco rutas que cobren 367 quilómetros diarios, enlazando Mos con Vigo, Ponteareas, Os Valos, Budiño e O Porriño. O centro de Monteporreiro, en Pontevedra, dispón de tres rutas diarias de 233 quilómetros en total, que chegan a localidades como Cangas, Poio, Moraña e Barro.

En conxunto, estas rutas de transporte adaptado suman 15.960 quilómetros mensuais e benefician a 60 persoas usuarias, asegurando a súa asistencia aos centros de COGAMI e facilitando o acceso aos servizos esenciais que contribúen á súa autonomía e inclusión social.