COGAMI informa e sensibiliza sobre actividades de voluntariado a futuros docentes de educación primaria

COGAMI informa e sensibiliza sobre actividades de voluntariado a futuros docentes de educación primaria

Un grupo formado por alumnas e alumnos do Grao de Mestre de Educación Primaria visitou as instalacións que COGAMI ten en Fingoi onde recibiu información sobre o servizo de voluntariado que desenvolve a Confederación.

Esta charla, que está enmarcada dentro do plan de estudos nas materias de Socioloxía e educación e Didáctica e tarefas docentes, foi impartida por Carla Fernández, traballadora social e coordinadora de voluntariado de COGAMI en Lugo e Nuria Ruiz, técnica de educación de COCEMFE. As dúas profesionais trasladaron ás e aos asistentes casos prácticos que lle resultaron enriquecedores para completar a súa formación académica.

Estas charlas son froito da estreita colaboración que dende hai tempo mantén COGAMI co Campus de Lugo da Universidade de Santiago (USC) e co Servizo de Participación e Inclusión Universitaria (SEPIU), co fin de sensibilizar a futuros e futuras profesionais da docencia sobre a discapacidade e a inclusión.

Nesta charla sobre a figura do voluntariado participaron 13 persoas, 10 alumnas e 3 alumnos, a quen se lles explicou dende o funcionamento e os servizos que presta un centro de día e ocupacional ata como poderían facer voluntariado na nosa Organización, colaborando tanto na biblioteca como realizando apouo en  traballos manuais e animación, no deporte de Boccia ou nos servizos de información, orientación e asesoramento.