COGAMI inicia curso en Santiago para fomentar a inserción laboral  

COGAMI inicia curso en Santiago para fomentar a inserción laboral  

 Descarga a nota en word

As instalacións de COGAMI en Santiago de Compostela (rúa Modesto Brocos, nº7, baixos) acollen unha nova acción formativa enmarcada no Plan Formativo para o Emprego que cofinancian a  Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes. O programa formativo está deseñado para ofrecer ás persoas participantes as habilidades e coñecementos necesarios para mellorar as súas oportunidades no mercado laboral.

O curso, de Operacións auxiliares de Servizos Administrativos e Xerais, abrangue un total de 448 horas distribuídas entre módulos técnicos, formación en empresa e contidos transversais. A formación inclúe os seguintes módulos:

Técnicas Administrativas Básicas de Oficina (150 horas)

Operacións Básicas de Comunicación (120 horas)

Reprodución e Arquivo (120 horas)

Formación en empresa (40 horas)

Módulos transversais: Formación para a Igualdade (8 horas) e Inserción laboral, sensibilización medioambiental e na igualdade de xénero (10 horas).

Este curso, de nivel 1, non require requisitos académicos previos, o que permite un acceso máis inclusivo. Participan 14 persoas, 7 homes e 7 mulleres, procedentes dos concellos de Valga, Santiago, Brión, Teo, Padrón, Ames e Vedra, con idades comprendidas entre os 25 e os 58 anos.

Con esta formación, COGAMI reafirma o seu compromiso coa mellora da empregabilidade das persoas con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral, apostando por unha formación de calidade que promove a igualdade de oportunidades e a inclusión social.

Galería de imaxes