COGAMI ofrece atención especializada ás mulleres con discapacidade

COGAMI ofrece atención especializada ás mulleres con discapacidade

Podes descargar a nota

COGAMI dispón dun Servizo de Atención Especializada para Mulleres con Discapacidade co que busca abordar as diversas necesidades que presenta este grupo social, prestando especial atención ás que que se atopan en situacións de risco. Estas situacións inclúen baixa participación social, dificultades na incorporación ao mercado laboral, sobreprotección social e familiar, unha autopercepción e imaxe social negativa, e mesmo necesidades derivadas de ter vivido violencia en contornas familiares, domésticas ou institucionais.


Tradicionalmente, a sociedade tendeu a illar ás mulleres con discapacidade, xerando unha discriminación múltiple que se traduce en maiores cotas de desemprego, salarios inferiores, peor acceso aos servizos de saúde e a programas dirixidos a mulleres en xeral. Ademais, este colectivo ten unha maior incidencia de violencia e outros tipos de abusos, unha realidade que o servizo de COGAMI pretende contrarrestar.

O programa, financiado pola Dirección Xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, comezou o 1 de xaneiro deste ano e ten como data de finalización o 31 de agosto. Ao longo deste período, está previsto que sexan atendidas 80 mulleres con discapacidade en diferentes localidades de Galicia, a través dun equipo de profesionais en traballo social que traballan nos puntos de atención que COGAMI ten en A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Vigo. Este equipo traballa en coordinación con outros servizos que COGAMI ofrece, como os de formación e emprego, co fin de acadar obxectivos comúns en prol da mellora da calidade de vida e da inclusión destas mulleres.

Intervencións personalizadas e grupais

O servizo de Atención á muller ofrece información, orientación, asesoramento e, cando é preciso, intervención tanto coa persoa como coa súa familia. A finalidade destas accións é que as mulleres con discapacidade poidan acadar os seus obxectivos persoais e profesionais. As intervencións poden ser individualizadas ou grupais, enfocadas na adquisición de habilidades persoais e sociais, así como na mellora da empregabilidade, facilitando o acceso destas mulleres ao mercado laboral na mellora da súa situación persoal, social e laboral.

O servizo tamén está orientado á prevención, dotando ás mulleres dos recursos persoais necesarios para afrontar posibles situacións de risco e promovendo o empoderamento persoal.

Galería de imaxes