COGAMI pon en marcha en Ferrol diversos cursos de capacitación laboral destinados a mellorar a inserción no mercado de traballo de persoas desempregadas con certificado de discapacidade ou incapacidade laboral para a profesión habitual.
Enmarcada no programa Máis Emprego, que financian Fundación ”la Caixa” e o Fondo Social Europeo Plus no marco de Inclusión Social, Garantía Infantil e Loita Contra a Pobreza 2021-2027, esta formación está dirixida a colectivos desfavorecidos, como é o caso das persoas con discapacidade. Busca promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación, a participación activa e a mellora da empregabilidade, fomentando a inclusión activa a través do trazado de itinerarios integrados de inserción sociolaboral.
Os cursos impartiranse nas oficinas de COGAMI en Ferrol (rúa Sánchez Calviño, nº56-58) e ofrecerán formación especializada nestas áreas profesionais: controlador/a de accesos, conserxe con tarefas administrativas, expendedor/a de combustible, limpeza e operario/a de loxística, incluíndo o manexo de carretillas elevadoras.
Un dos aspectos destacados deste programa Máis Emprego é que todos os cursos inclúen a posibilidade de realizar prácticas en empresas situadas na contorna, permitindo ás persoas participantes adquirir experiencia real e aplicar os coñecementos aprendidos en situacións laborais.
Para participar nos cursos é necesario estar desempregado/a e contar cun certificado de discapacidade ou incapacidade laboral para a profesión habitual. Estas accións formativas buscan mellorar as oportunidades de acceso ao mercado laboral e promover a igualdade de oportunidades para as persoas con discapacidade.
As persoas interesadas en participar neste programa, poden contactar coa oficina de COGAMI en Ferrol a través do correo silferrol@cogami.gal ou chamando ao teléfono 981 325 568.