COGAMI organiza un Hackathon de impresión 3D para crear solucións innovadoras no ámbito da discapacidade

As instalacións que COGAMI ten no CEGADI, en Santiago de Compostela, acolleron durante dúas xornadas un Hackathon de Impresión 3D centrado na creación de solucións innovadoras para persoas con discapacidade. A actividade reuniu equipos multidisciplinares, formados por persoas con e sen discapacidade, co obxectivo de identificar retos reais relacionados coa accesibilidade e os produtos de apoio, e desenvolver propostas mediante o uso da impresión 3D.

Esta iniciativa enmárcase no proxecto europeo INNO 3D SEN, liderado por COGAMI xunto ás entidades socias E-Nable Greece, de Grecia, e Limeup ISSC, de Italia. Cofinanciado pola Unión Europea a través do programa Erasmus+, o proxecto está aliñado coa Estratexia Europea para os Dereitos das Persoas con Discapacidade 2021-2030 e cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) 4 e 9, vinculados á educación inclusiva e á innovación.

Nesta edición participaron estudantes de Formación Profesional e de cursos de formación para o emprego, ademais de profesionais da docencia e do ámbito social e da discapacidade. En total, foron 21 persoas participantes acompañadas por 7 profesionais de COGAMI, entre elas persoas expertas en impresión 3D que ofreceron apoio técnico aos diferentes equipos.

Ao longo das sesións, as persoas participantes traballaron no deseño e prototipado de solucións adaptadas a necesidades reais presentadas por persoas usuarias e profesionais. O obxectivo foi desenvolver produtos de apoio personalizados que contribúan a mellorar a accesibilidade e a igualdade de oportunidades. Ao remate da actividade, cada equipo presentou a súa proposta e recibiu un diploma acreditativo pola súa participación nun proxecto europeo.

Con esta proposta, COGAMI reforza a súa aposta pola formación e o acompañamento a profesionais que traballan con alumnado con discapacidade e/ou necesidades educativas especiais, promovendo o uso da tecnoloxía 3D como ferramenta útil para facilitar o acceso aos contidos formativos e avanzar cara a unha educación máis inclusiva.

Galería de imaxes

Todas