As instalacións que ten COGAMI en Ourense e mailas do centro especial de emprego da asociación membro Aixiña recibiron a visita da Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo. Recibida polo presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, e a presidenta de Aixiña Carmen Fernández, a Conselleira puxo en valor o labor das dúas entidades por capacitar ás persoas con discapacidade de cara á inserción laboral.
“Fan unha actividade moi importante para tratar de formar á xente con discapacidade, non só na cidade de Ourense, tamén no rural”, expresaba Elena Rivo, quen expresaba que “os cursos de formación axudan a que moita xente con discapacidade se incorpore ao mundo laboral e que lle dean esa independencia económica que consideramos necesaria para todo o mundo”.
A Conselleira reafirmou o apoio aos proxectos de ambas entidades para seguir avanzando na igualdade de oportunidades e na inserción laboral das persoas con discapacidade. No caso de COGAMI, conta co respaldo da Xunta para manter o servizo de orientación laboral e de programas integrados de emprego e accións formativas para persoas desempregadas.
“Na provincia de Ourense hai 2.109 persoas inscritas como demandantes de emprego na nosa bolsa de emprego, temos alianzas con 55 empresas na provincia, encontróuselle traballo a 226 persoas e captáronse 112 ofertas de emprego para persoas con discapacidade”, anunciaba Anxo Queiruga, tras describir que o servizo de emprego de COGAMI en Ourense conta cun equipo formado por un técnico de emprego, tres técnicos de orientación, un técnico de programas integrados de emprego e unha traballadora social, que realizan entrevistas individuais, accións en grupo e visitan empresas para captar ofertas de traballo e sensibilizar sobre a discapacidade.
Con respecto á asociación Aixiña, a titular de Promoción do Emprego e igualdade puxo en valor o seu centro especial de emprego, no que preto do 70% das persoas que traballan nel ten discapacidade. Dende a Consellería destacouse que a través dos centros especiais de emprego búscase proporcionar ás persoas con discapacidade a realización dun traballo produtivo e remunerado con servizos de axuste persoal e social, apostando pola súa autonomía e capacitándoas para un eventual paso ao mercado laboral ordinario.