O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, acompañado do vicepresidente, Ramón Sestayo, e do secretario, Víctor Silva, mantiveron un encontro co conselleiro de Promoción do Emprego e Igualdade, José González, quen visitou as instalacións de COGAMI en Santiago, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández. Durante esta visita, o conselleiro tivo a oportunidade de coñecer de primeira man todas as áreas de traballo nas que se estrutura a entidade para ofrecer servizos ás persoas con discapacidade.
Unha das áreas que conta co apoio desta consellería é a de Emprego e Formación, unha aposta firme do goberno galego "polo emprego inclusivo e en igualdade de condicións", segundo sinalou José González. COGAMI dispón dun servizo especializado en intermediación laboral, orientación e prospección de emprego, cuxa misión é promover a inclusión das persoas con discapacidade no mercado laboral. Este servizo conta cun equipo de preto de 50 profesionais, entre orientadores laborais e axentes de emprego, que traballan tanto en zonas urbanas como rurais en toda Galicia. Na actualidade, máis de 17.700 persoas están inscritas na bolsa de emprego, das cales máis de 1.500 atopan traballo cada ano grazas ao servizo. Ademais, máis de 360 persoas participan en programas formativos destinados a mellorar as súas competencias e oportunidades de inserción laboral. conseguindo inserirse case a metade.
O conselleiro destacou tamén a relevancia de entidades como COGAMI no ámbito da contratación reservada, na que Galicia se sitúa como un referente. Estas contratacións permiten que empresas de inserción e centros especiais de emprego de iniciativa social participen de xeito exclusivo nos procesos de licitación pública. A finalidade, segundo indicou, "é proporcionar maiores oportunidades de emprego de calidade ás persoas en situación ou risco de exclusión social, ou que teñen máis dificultades para acceder ao mercado laboral".