Profesionais da Confederación presentaron programas de emprego, formación e promoción da autonomía persoal en reunións mantidas con equipos municipais nos concellos de Toén, Paderne de Allariz, Pereiro de Aguiar, Taboadela, Coles, San Cibrao das Viñas e Barbadás
Profesionais de COGAMI desprazáronse nos meses de xaneiro e febreiro a distintos concellos da provincia de Ourense para manter xuntanzas cos equipos municipais de servizos sociais co obxectivo de presentar os recursos e programas que a entidade desenvolve en apoio á autonomía, participación e inclusión das persoas con discapacidade.
Durante estes encontros déronse a coñecer os servizos de Emprego, Formación, Información, Asesoramento e Orientación, así como os programas de Promoción da Autonomía Persoal. Ademais, presentouse o programa Máis Emprego, de inserción sociolaboral, que se desenvolve na provincia de Ourense co apoio da Fundación "la Caixa", dirixido a persoas con certificado de discapacidade ou incapacidade laboral, co fin de facilitar a derivación de posibles participantes dende os servizos sociais municipais.
A primeira das xuntanzas tivo lugar no Concello de Toén, onde o orientador laboral, Carlos Vázquez, e o técnico de inserción do programa Máis Emprego, David da Cal, mantiveron unha reunión coa traballadora social municipal, Esther Pérez. Posteriormente, estes profesionais reuníronse coa traballadora social do Concello de Paderne de Allariz, Mª Teresa Dopazo.
No Concello de Pereiro de Aguiar, a traballadora social, Eva Vázquez, e o técnico de inserción, David da Cal, o mantiveron un encontro coa coordinadora de servizos sociais, Ana Isabel Labrador, co traballador social, Brais Rúas, a pedagoga, Ana Gómez; e a educadora social, Tania Mª Pérez.
As seguintes reunións celebráronse coas traballadoras sociais do Concello de Taboadela, María Isabel Delgado e Nerea Paula Rodríguez; no Concello de Coles co traballador social Héctor González e a traballadora social do SAF Mercedes Moreiras; e no Concello de San Cibrao das Viñas, onde a traballadora social de COGAMI, Eva Vázquez, e a técnica de inserción Ana Díaz se reuniron coa traballadora social municipal, María Pérez.
Esta rolda de encontros pechouse no Concello de Barbadás, cunha reunión á que asistiron o concelleiro de Servizos Sociais, Daniel Rey; a traballadora social Maribel Rodríguez; a orientadora laboral Paula Plaza; e a técnica de inclusión sociolaboral Sonia Piña.
Durante as xuntanzas abordáronse posibles liñas de colaboración entre ambas institucións para favorecer a participación social e a inclusión das persoas con discapacidade en cada municipio.
Estas reunións enmárcanse na rolda de encontros que profesionais de COGAMI na provincia de Ourense están a manter cos concellos do territorio co obxectivo de abrir novas vías de colaboración institucional e reforzar o traballo en rede no ámbito local.