COGAMI rematou o curso impartido en Lalín de Alfabetización Dixital de Persoas Adultas con Necesidades Educativas Especiais. O curso, que se desenvolveu dende o 1 de abril cunha duración total de 60 horas, contou coa participación inicial de nove persoas (cinco mulleres e catro homes), das cales sete completaron a formación con éxito (catro mulleres e tres homes).
O obxectivo principal desta formación foi a adquisición de competencias a nivel usuario en aplicacións informáticas básicas e xerais, orientadas a mellorar a autonomía e facilitar a súa aplicación práctica na vida diaria. Abordáronse varios módulos, centrándose na navegación por internet, a utilización do procesador de textos e a folla de cálculo.
As sesións celebráronse na aula CEMIT do Auditorio Municipal de Lalín, ao ceder o Concello este espazo para a realización do curso. Esta iniciativa enmárcase dentro das accións para reducir a fenda dixital e favorecer a inclusión das persoas con discapacidade no ámbito tecnolóxico.
A formación, promovida por COCEMFE, entidade a nivel nacional da que forma parte COGAMI, foi financiada dentro das actuacións dirixidas á atención de persoas con discapacidade adultas con NEE 2024-25 polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.
Para poder acceder a esta formación, foi imprescindible que o alumnado, procedente dos concellos de Lalín e A Estrada, tivera en posesión o certificado de discapacidade ou de incapacidade laboral para a profesión habitual. As persoas que iniciaron esta formación están apuntadas na bolsa da área Emprego de COGAMI e buscan capacitarse para inserirse no mercado canto antes. Actualmente na comarca do Deza hai 265 persoas inscritas nesta bolsa como demandantes de emprego, 145 homes e 120 mulleres.