COGAMI reforza o seu compromiso coa inclusión laboral tras renovar o convenio de colaboración que mantén con Fundación ONCE e Inserta Emprego desde o ano 2016. Este acordo ten como principal obxectivo seguir promovendo o acceso ao emprego das persoas con discapacidade en Galicia, con especial atención ás persoas con discapacidade física.
O convenio foi asinado por Alberto Durán, vicepresidente executivo de Fundación ONCE e presidente de Inserta Emprego, e por Anxo Queiruga, presidente de COGAMI, establecendo un marco de cooperación estable entre as tres entidades para o desenvolvemento de iniciativas conxuntas orientadas á mellora da inclusión social e laboral.
A través desta alianza, as entidades comprométense a impulsar actuacións que faciliten o acceso ao mercado de traballo das persoas con discapacidade, así como a promover accións de sensibilización social que contribúan á súa plena integración no ámbito laboral galego.
Entre as liñas de traballo previstas, destaca a posibilidade de establecer protocolos de colaboración que reforcen a coordinación entre os servizos de emprego de COGAMI e Inserta Emprego. Isto permitirá optimizar programas de captación, orientación, derivación e inserción laboral, favorecendo itinerarios personalizados de acceso ao emprego.
Ademais, o acordo contempla o desenvolvemento de accións dirixidas ao tecido empresarial galego co obxectivo de visibilizar o talento, as capacidades e o potencial profesional das persoas con discapacidade, promovendo a súa consideración como un valor engadido nas empresas.
Por último, Fundación ONCE, Inserta Emprego e COGAMI traballarán de maneira conxunta na análise das necesidades formativas das persoas con discapacidade en Galicia, impulsando accións que melloren a súa cualificación profesional e contribúan a reforzar a súa inclusión laboral e social.