COGAMI renova o seu compromiso coa excelencia na xestión tras manter o selo 500 de Excelencia Europea EFQM (European Foundation for Quality Management) que outorga o Club Excelencia en Xestión, tras avaliar tanto a calidade como a eficacia na xestión e innovación. Dous avaliadores desprazáronse ata as instalacións de Santiago, en Modesto Brocos, onde durante dous días analizaron polo miúdo toda a Organización.
O equipo avaliador destacou varios puntos fortes que reflicten o compromiso da Organización coa excelencia e coa mellora continua, sendo un deles o enfoque baseado no modelo de Atención Integral Centrado na Persoa (AICP). Durante a visita, o equipo salientou un ambiente de traballo moi positivo, sustentado na confianza e na satisfacción dos seus grupos de interese.
Outro dos aspectos destacados foi a profesionalización e especialización dos servizos que ofrece COGAMI, orientados a proporcionar respostas integrais ás persoas con discapacidade, ademais da aposta da Organización pola cualificación do seu cadro de persoal.
Houbo tamén un espazo dedicado ao Plan Estratéxico 2023-2027 de COGAMI que conta cun amplo conxunto de plans de acción que se están a desenvolver de xeito rigoroso en todas as áreas, empregando indicadores de seguimento que acreditan o compromiso coa mellora continua e co logro dos obxectivos marcados para o período.
Outro punto que se destaca é a capacidade de COGAMI para coñecer toda a normativa que afecta ao colectivo da discapacidade, e influír nas regulacións que afectan ao sector, mantendo unha comunicación activa e permanente coas diferentes administracións públicas e conseguindo avances normativos favorables para as persoas usuarias.
Por último, ponse en valor os compromisos medioambientais adquiridos por COGAMI, visibles en todas as súas sedes e actividades. Entre as iniciativas salientables atópanse a monetización do valor social integrado, a aposta pola economía circular, a medición da pegada de carbono e o impulso de proxectos de sustentabilidade vinculados ao sector téxtil.
Selo EFQM
O Selo EFQM é unha certificación oficial e internacional que recoñece a xestión excelente, innovadora e sostible das organizacións. É unha ferramenta que mide e acelera a transformación dunha organización, permitindo descubrir os puntos fortes e aproveitar as oportunidades de mellora.
O camiño de COGAMI por lograr este certificado de mellora continua iniciou en 2006, cando a organización decide incorporar este sistema de xestión co fin de poder ofrecer os mellores servizos de calidade dirixidos ás persoas con discapacidade. É no ano 2009 cando consegue o primeiro selo 200+EFQM, que incrementará en 2011 conseguindo o 300+EFQM, en 2013 supérao co selo 400+EFQM que volve superarse en 2022 cando por primeira vez se acadou o selo 500+EFQM.