Ante a crise climática e ambiental identificada como un dos grandes desafíos deste século, COGAMI asume un papel proactivo á hora de afrontar este reto, traballado para minorar os posibles impactos ambientais derivados das súas actividades. O impulso dunha estratexia de sostibilidade dentro de COGAMI Social, COGAMI Empresarial e COGAMI Xenera vén dada porque somos conscientes de que a calidade da nosa contorna inflúe directamente na condición de vida das persoas, con especial impacto nos colectivos máis vulnerables como o que representamos dende a nosa Organización.
COGAMI dentro do Plan Estratéxico 2023-2026 recolle como reto a Política de Sostibilidade Ambiental como compromiso formal que promove obxectivos e accións concretas a desenvolver neste período. E un dos primeiros pasos que dá neste avance é a creación do grupo de traballo de Sostibilidade Ambiental, que se encargará de facer un seguimento das accións realizadas, sistematizará a recollida de datos e recompilará e divulgará boas prácticas.
Algunhas das accións levadas a cabo na Organización en materia de sostibilidade están relacionadas co impulso da instalación de paneis solares, tanto nas empresas como nos centros de servizos de atención diúrna. Apostar por enerxías procedentes de fontes renovables, sensibilizar ao persoal traballador en boas prácticas ambientais nos centros de traballo, calcular a pegada de carbono na procura de diminuír o impacto da actividade, reducir o consumo de papel e apostar pola dixitalización de procesos son outras das accións nas que o grupo de traballo de Sostibilidade Ambiental poñerá o seu punto de mira.
Para que esta reconversión de cara a unha Organización máis comprometida no coidado do medio ambiente sexa efectiva, COGAMI contará con apoio de financeiros como o Fondo Social Europeo a través dun proxecto aprobado por CEPES de Atención Integral Centrada na Persoa e Sostibilidade Ambiental: pancas para o mantemento e fortalecemento do emprego, así como a través da X Solidaria, os fondos do 0,7% do IRPF que chegan das persoas que marcan o recadro de Actividade de Interese Social cando fan a declaración da renda e que xestiona a Xunta de Galicia.
Con esta nova responsabilidade e compromiso de integrar como principio de xestión na cultura da perspectiva ambiental, COGAMI aposta por mellorar os servizos ás persoas con discapacidade e harmonizar os esforzos que vén realizando para manter o equilibrio entre o social, o económico e o ambiental.