O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, e o coordinador de Atención Temperá de COGAMI Álvaro García, acompañados polos alcaldes e as Concelleiras de Servizos Sociais dos tres municipios, ademais da Directora Xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitaron onte as instalacións do Centro Social de Leiro para coñecer de primeira mán o servizo xestionado pola Confederación a través do concerto social.
Esta vai ser a primeira unidade de atención temperá nos Concellos de Miño, Pontedeume e Vilarmaior e contará cun orzamento de máis de 130.000 euros procedentes da Xunta de Galicia e Fondos Europeos, para dar resposta ás necesidades das familias, ofrecendo atención especializada e gratuíta para menores ata 6 anos de idade.
COGAMI xa ten experiencia na atención de centros de atención temperá, iniciando nesta actividade no ano 2020 cando lle foi concedida a xestión da unidade da Mancomunidade de Baixo Miño, ás que se lles foron unindo as dos concellos de Abegondo, Bergondo e Carral, Sada, Mos, Ponteareas e Poio.
O servizo, que resulta gratuíto para as familias, desenvolverase na primeira planta do Centro Social de Leiro, un espazo especialmente acondicionado para este fin, de luns a xoves en horario de mañá e tarde, mentras que os venres terá atención só en horario de mañá. Unha psicóloga, unha terapeuta ocupacional e unha logopeda forman parte do equipo profesional que leva a cabo este servizo que inicia COGAMI por un período de un ano.
A Unidade de Atención Temperá ten como obxectivo dar o apoio preventivo e asistencial á poboación infantil de 0 a 6 anos, familia e contorna, para potenciar a súa capacidade desenvolvemento e benestar, posibilitando da forma máis completa a súa inclusión no medio familiar, escolar e social, así como a súa autonomía persoal.