Continúa aberto o proceso de inscrición para o curso de administrativo que COGAMI imparte en Ferrol

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) pon en marcha un curso AFD de Actividades Administrativas na Relación co Cliente (nivel 2),  enmarcado no Plan Formativo para o Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia. A formación conta con 15 prazas dirixidas a persoas en situación de desemprego que conten cun certificado de discapacidade igual ou superior ao 33 % ou cun certificado de incapacidade laboral para a profesión habitual recoñecido pola Seguridade Social.

O curso, cofinanciado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, impartirase nas instalacións de COGAMI en Ferrol (Rúa Sánchez Calviño, nº 56-58), de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 horas, ata finais de marzo de 2027, coa excepción do mes de agosto. Contará con 878 horas lectivas e 200 horas de prácticas en empresas da comarca, o que supón unha oportunidade real de inserción laboral no contorno máis próximo.

O programa formativo abarca materias como técnicas de recepción e comunicación, operacións administrativas comerciais, gravación de datos, xestión de arquivos, lingua estranxeira profesional e ofimática. Inclúe ademais módulos transversais en prevención de riscos laborais, inserción laboral, sensibilización ambiental e igualdade de xénero, dotando ao alumnado dunha formación integral adaptada ás demandas actuais do mercado de traballo.A superación do curso permite obter o certificado de profesionalidade ADGG0208, que acredita a capacidade para desempeñar tarefas en áreas de apoio administrativo, xestión comercial e atención ao público. Ao tratarse dunha formación de nivel 2, abre as portas a postos con responsabilidade operativa en empresas de distintos sectores.

O prazo de inscrición está aberto e as 15 prazas dispoñibles aínda poden ser cubertas por persoas que cumpran os requisitos. Ademais do certificado de discapacidade ou incapacidade, é necesario ter superada a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ou contar cun certificado profesional de nivel 1.

As persoas interesadas poden contactar co Servizo de Emprego de COGAMI Ferrol a través dos teléfonos 981 325 568 ou 626 951 787, ou mediante o correo electrónico silferrol@cogami.gal.

Galería de imaxes

Todas