Curso administrativo de COGAMI para impulsar o emprego en Ferrolterra de persoas con discapacidade ou incapacidade laboral

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) iniciará a finais do mes de maio un curso AFD de Actividades Administrativas na Relación co Cliente nivel 2 que vai impartir a finais de maio nas instalacións da entidade en Ferrol (Rúa Sánchez Calviño, nº 56-58).

Esta acción formativa está dirixida a persoas en situación de desemprego que conten cun certificado de discapacidade igual ou superior ao 33 % ou cun certificado de incapacidade laboral para a profesión habitual recoñecido pola Seguridade Social. Ademais, as persoas interesadas deberán ter superada a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ou contar cun certificado profesional de nivel 1.

O curso permitirá obter o certificado de profesionalidade ADGG0208: Actividades Administrativas na Relación co Cliente, que capacita para desempeñar tarefas en áreas de apoio administrativo, xestión comercial e atención ao público. Ao tratarse dunha formación de nivel 2, facilita o acceso a postos con responsabilidade operativa en empresas de distintos sectores.

A formación desenvolverase ata finais do mes de marzo de 2027, cun total de 878 horas lectivas, ás que se suman 200 horas de prácticas en empresas da comarca. As clases impartiranse de luns a venres en horario previsto de 9.00 a 14.00 horas, sendo o mes de agosto non lectivo.

O programa formativo estrutúrase en diferentes módulos, entre os que destacan técnicas de recepción e comunicación, operacións administrativas comerciais, gravación de datos, xestión de arquivos, lingua estranxeira profesional e ofimática, ademais da formación práctica en empresas. Inclúe tamén módulos transversais en prevención de riscos laborais, inserción laboral, sensibilización ambiental e igualdade de xénero.

COGAMI oferta un total de 15 prazas. As persoas interesadas en participar poden solicitar máis información ou reservar a súa praza contactando co servizo de Emprego da entidade a través dos teléfonos 981 325 568 ou 626 951 787, ou mediante o correo electrónico silferrol@cogami.gal.

Esta formación enmárcase no Plan formativo para o emprego da Comunidade Autónoma de Galicia e está cofinanciada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.

Galería de imaxes

Todas