Día Internacional das Persoas con Discapacidade

COMUNICADO DE COGAMI - 3 DE DECEMBRO

Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, COGAMI alerta de que a vulneración de dereitos continúa sendo unha realidade diaria para milleiros de persoas en Galicia e no conxunto do Estado. A falta de accesibilidade, a discriminación no emprego, as desigualdades na infancia, a brecha educativa e a insuficiencia de apoios impiden o exercicio pleno da cidadanía.

Este 3 de decembro, COGAMI e as máis de 50 entidades membro, volven dar visibilidade a todas as persoas con discapacidade, homes, mulleres, nenas e nenos que, xunto coas súas familias, viven unha vida marcada polo incumprimento dos seus dereitos. Poder elixir como vivir a nosa propia vida de maneira activa, precisa dunha sociedade preparada e exenta de barreiras psicolóxicas, sociais, mentais e físicas.

En Galicia, segundos datos da Xunta, hai 246.942 persoas con discapacidade; 127.519 son mulleres e nenas e 10.786 son menores ata 15 anos.

As persoas con discapacidade, suxeitos de dereitos

As persoas con discapacidade somos suxeitos de dereitos e temos capacidade xurídica plena en igualdade de condicións que as demais. Os dereitos humanos son propios da dignidade das persoas, son universais, indivisibles, interdependentes e están interrelacionados e recoñecidos pola Convención da ONU.

Dende COGAMI e as entidades da discapacidade esiximos a plena adaptación da normativa ás previsións da Convención e que se integre a perspectiva interseccional en todas as políticas públicas.

O certificado de discapacidade é a chave de entrada para poder optar aos recursos públicos. O informe parcial 'Evaluación participativa del Nuevo Baremo de la Discapacidad: hacia una inclusión más eficaz’ recolle que case a metade (48%) das persoas valoradas espera máis de un ano. En Galicia a espera no baremo de antes de 2023 era de 6 e 7 meses e no actual é de entre 7 e 10 meses. Así mesmo, cómpre garantir a equidade nas valoracións de discapacidade, que hoxe dependen do territorio e equipo avaliador.

A accesibilidade é un dereito para o conxunto da cidadanía

Unha persoa que ten limitada a súa liberdade de comunicación, circulación, socialización, acceso a vivenda, ao transporte público, á educación, ao ensino, a espazos lúdicos ou culturais,... é unha persoa que está discriminada con respecto a outras. É un deber de toda a sociedade apoiar a inclusión e non a discriminación. A falta de accesibilidade é unha forma de discriminación social.

Só o 0,6 % dos edificios en España son accesibles, a pesar de ser unha obriga legal.

100.000 persoas con mobilidade reducida non poden saír da súa casa.

Para garantir o dereito a unha vida independente é necesaria a creación dun Fondo Estatal pola Accesibilidade Universal, para o establecemento de axudas específicas para todas as comunidades veciñais que deban afrontar o elevado custe das adaptacións que imposibilitan, en moitas ocasións, a realización das obras de mellora da accesibilidade.

A educación é clave para a vida independente

A falta de accesibilidade ou apoios vulnera o artigo 27 da Constitución. Polo tanto, cando unha nena ou neno non poden asistir a clase porque existen barreiras arquitectónicas ou porque carecen de profesionais de apoio, estase faltando ao que dita a propia Constitución.

20 % do alumnado con discapacidade sofre segregación educativa.

A taxa de estudantes con estudos superiores é inferior a do resto do alumnado, un déficit causado principalmente porque os estudos universitarios implican desprazamento da residencia familiar a unha cidade que habitualmente non conta con vivendas adaptadas ás súas necesidades; as facultades carecen de infraestruturas habilitadas; a falta de transporte adaptado; insuficientes recursos económicos de bolsas de estudo,...

Inclusión laboral efectiva

As persoas con discapacidade atopan dificultades no acceso ao mercado de traballo, contan cunha taxa de paro moito maior. En Galicia: 15,4 % fronte ao 9,6% e en España (19,7 % fronte ao 12 %). Faise necesario que a Administración incentive a incorporación das persoas con discapacidade ao mercado laboral.

É necesario cumprir e reforzar a reserva do 2 % en empresas de máis de 50 persoas contratadas e executar as medidas necesarias para garantir o cumprimento da lei. Apostar polas iniciativas de economía social para crear oportunidades laborais dentro do propio colectivo, polo que debe de existir un compromiso firme da Administración para asegurar a súa continuidade.

Infancia e xuventude, o grupo máis invisible

As etapas da infancia e a xuventude son as máis discriminadas dentro do grupo social das persoas con discapacidade, con escaseza tanto de apoios para a autonomía persoal como para a escolarización.

En Galicia hai 10.786 menores con discapacidade, con idades comprendidas entre os 0 e os 15 anos segundo datos da Xunta de Galicia. No conxunto do Estado non existen datos estatísticos globais, o que provoca a súa invisibilidade.

É necesario que as familias teñan acceso á información, sensibilización e, sobre todo, a servizos especializados dende a idade temperá para garantir o desenvolvemento integral das nenas e nenos con discapacidade.

Muller e discapacidade: múltiple discriminación

As mulleres con discapacidade son o 51,63 % da poboación con discapacidade en Galicia.

Pese a ser maioritarias, as mulleres con discapacidade viven discriminación interseccional. É indispensable que todas as medidas e accións dirixidas a erradicar calquera forma de violencia teña en conta ás mulleres e nenas con discapacidade así como a supervisión do seu cumprimento. Non existen datos reais sobre violencia machista contra mulleres con discapacidade: non se recolle nos partes policiais.

É esencial o empoderamento, acceso a recursos, participación e autonomía dende a infancia.

Lecer e deporte como dereito básico

No eido do lecer atopamos múltiples barreiras, falta de oferta adaptada e nula perspectiva inclusiva, impedimentos que nos espazos rurais agrávanse.

Os parques infantís e actividades deben ser inclusivas para favorecer convivencia e prevención futura de estigmas e estereotipos.

O lecer é transformación social, non un extra.

Movemento asociativo, motor de cambio social

As entidades deben ser recoñecidas como axentes de transformación social, pasar dun modelo asistencialista a un modelo baseado en dereitos.

É importante que o movemento asociativo sexa forte, unificado, reivindicativo e isto conséguese con recursos. Urxe reforzar o Fondo Social Europeo (FSE+) con asignacións específicas para financiar a desinstitucionalización, a vida independente, a asistencia persoal e o emprego inclusivo.

Espazo sociosanitario único

O sistema público de saúde debe ser accesible e con protocolos específicos para determinadas patoloxías.

Reivindicamos un espazo sociosanitario, de forma que os sistemas social e sanitario queden integrados nun único sistema.

É necesario abordar os servizos sociais como un dereito da cidadanía, un dereito universal, vinculante e esixible. Neste contexto é necesaria a promulgación dunha Lei de Garantía de Dereitos e Servizos Sociais que garanta uns parámetros iguais de atención a todas as persoas que precisen apoios para a súa inclusión social.

As organizacións da discapacidade confórmanse como unha importante rede de apoios e acompañamento que dan resposta ás necesidades das persoas con discapacidade, e sen os cales os seus proxectos de vida e a súa participación social non sería posible, polo que reivindicamos unha revisión do modelo de financiamento e respaldo ás entidades que garanta a sostibilidade dos apoios ás persoas con discapacidade e ás súas familias.

Polo tanto, dende COGAMI e o seu movemento asociativo reclamamos que se garantan  mecanismos sólidos e eficaces de vixilancia dos dereitos, para que non sigan producíndose discriminacións por razón de discapacidade.

Acompañamos estas demandas coa campaña que lanzamos este ano en COGAMI co gallo do noso 35 Aniversario, onde poñemos en valor ás persoas, son elas as que deciden dirixir as rendas das súas vidas. Chegan a COGAMI, trasladan as súas necesidades e dende a nosa Organización intentamos cubrilas ofrecéndolles os servizos que demandan. Podes ver tamén o vídeo aquí https://www.youtube.com/watch?v=GKzoC-siT0o

Galería de imaxes

Todas