Día Mundial do Ril: Están ben os teus riles?  Descúbreo a tempo, protexe a túa saúde renal

Día Mundial do Ril: Están ben os teus riles?  Descúbreo a tempo, protexe a túa saúde renal

O 13 de marzo conmemórase o Día Mundial do Ril e as entidades que representan a persoas con enfermidade renal crónica como Alcer, poñen o foco na prevención. Baixo o lema Están ben os teus riles? Descúbreo a tempo, protexe a túa saúde renal, fan un chamamento á prevención, á detección precoz, ao infradiagnóstico, ao aumento da incidencia e prevalencia da enfermidade renal crónica (ERC) ou a necesidade de coidar a saúde renal e fomentar hábitos de vida saudable para reducir a súa progresión.

Segundo datos que traslada Alcer, o 15% da poboación española ten ERC, incrementando en máis dun 30% na última década. A nivel estatal, son máis de 67.000 persoas as que están en proceso de diálise ou transplante, ingresando cada ano unha media de 7.000 persoas, un 25% deles por mor da diabetes. En Galicia rexístranse 2.025 pacientes en diálise e 2.062 con transplante.

Esta data de Día Mundial do Ril é unha data para reivindicar, por iso dende Alcer fan un chamamento ás autoridades sanitarias para que difundan campañas de concienciación e detección precoz para poder frear este avance. Dende Alcer cren necesario continuar fomentando o transplante renal a través de doante falecido e doante vivo e potenciar as terapias de diálise domiciliaria -con importantes beneficios clínicos e sociais para as persoas con enfermidade renal, como maior autonomía e conciliación laboral e familiar-, de maneira que se poida elevar ao 25% o número de persoas que inician a diálise nos seus propios fogares.

As entidades Alcer Coruña, Alcer Lugo, Alcer Ourense e Alcer Pontevedra reclaman políticas de prevención, un transporte de pacientes equitativo e con garantías de calidade, así como un acceso igualitario aos tratamentos renais substitutivos.