Encarna Lago comparte coas persoas usuarias do centro de COGAMI en Fingoi a Medalla de Ouro ao Mérito en Bellas Artes


Tras recoller en Toledo a Medalla de Ouro ao Mérito nas Bellas Artes, a xerente da Rede Museística de Lugo achegouse esta mañá ata as instalacións que COGAMI ten en Lugo para compartilo coas persoas usuarias e profesionais do servizo de atención diúrna de Fingoi.

Encarna Lago recibiu da man dos reis esta máxima distinción cultural que concede o Estado español e que distingue ás persoas e entidades que destacan no campo da creación artística e cultural ou que prestaran servizos ao fomento, desenvolvemento ou difusión da arte e cultura, ou na conservación do patrimonio artístico.

Este recoñecemento únese a outros como o que COGAMI lle entregou en 2020, na categoría de Premio Iniciativa Institucional, que recoñece a traxectoria da Rede Museística Provincial de Lugo pola “busca da participación activa das persoas usuarias de COGAMI para o desenvolvemento de actividades; por ceder espazos que propician a exposición de obras realizadas a través de programas europeos como Artability e ARTS no centro de recursos que COGAMI ten en Fingoi e tamén por organizar obradoiros, recentemente recoñecidos por MUSACCES co premio ‘Boas prácticas en museos e centros de arte’, por ser unha iniciativa pioneira que aplica estratexias de museoloxía social, deseño universal e accesibilidade para todas as persoas á contorna dos museos e centros de arte”.

Máis de vinte anos de colaboración

A colaboración entre a Rede Museística Provincial de Lugo con COGAMI naceu co impulso e a visión de Encarna Lago quen sempre promoveu unha prospección real das necesidades das persoas en situación de desvantaxe social. O seu compromiso coa accesibilidade e coa inclusión cultural foi determinante para que o Museo Provincial de Lugo superase as barreiras burocráticas iniciais e se convertese nun espazo plenamente accesible. 

Esta colaboración supuxo dende os inicios un impulso do programa de obradoiros artísticos. Conectou centros educativos cos que colaboraba a Rede con COGAMI, permitindo que as persoas usuarias do servizo de atención diúrna empezaran a impartir obradoiros nos colexios. Este programa incorporouse posteriormente ao Proxecto de Educación Inclusiva de COCEMFE, levando oito anos en activo, chegando exitosamente cada ano a 300 nenos e nenas da provincia de Lugo.

A participación en proxectos europeos como Artability e Artability+, facilitou que o Museo Provincial de Lugo e o Museo de Tor acolleran a exposición “Adaptándose”, con sesións conxuntas de obradoiros entre participantes dos proxectos e xornadas de divulgación abertas á comunidade lucense.

O desfile “Sen etiquetas” que visibilizou no museo o traballo creativo dunha persoa usuaria de COGAMI durante o Día Internacional das Persoas con Discapacidade; a exhibición de mostras audiovisuais, obras de teatro e outro tipo de creacións culturais son exemplos do apoio amosado por Encarna Lago coa súa visión de crear un modelo de inclusión cultural, onde o museo actúa como espazo de encontro, participación e transformación social.

Por todo isto, dende COGAMI trasladámoslle os nososo máis sinceros parabéns a Encarna Lago por este merecido recoñecemento.

Galería de imaxes

Todas