Entidades representativas de persoas con discapacidade orgánica como COGAMI, piden ao Goberno ampliar as patoloxías propostas para a xubilación anticipada

Entidades representativas de persoas con discapacidade orgánica como COGAMI, piden ao Goberno ampliar as patoloxías propostas para a xubilación anticipada

Podes descargar a nota

A entidade da que forma parte COGAMI, a Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), propúxolle ao Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións a inclusión de once novas patoloxías entre os casos das enfermidades que poden acollerse á xubilación anticipada de traballadores e traballadoras con grao de discapacidade do 45% ou superior. Piden a celeridade na creación da comisión que valorará a inclusión destas novas patoloxías para que poidan beneficiarse da xubilación canto antes.

Con esta proposta, dende o movemento asociativo preténdese que se desenvolva o establecido no Real Decreto 370/2023, de 16 de maio, que prevé a regulación dun procedemento de inclusión de novas patoloxías xeradoras de discapacidade, a efectos desta modalidade de xubilación anticipada e a súa conseguinte actualización e ampliación.

As patoloxías propostas foron: enfermidade de párkinson, lupus eritematoso sistémico, artrite reumatoide, espiña bífida, fibromialxia, encefalomielitis miálxica, enfermidade de Steinert, enfermidade de Huntington, enfermidade de Andrade, inmunodeficiencias primarias e esclerodermia.

Estas once patoloxías resultaron propostas tras un proceso consultivo coas entidades que pertencen a COCEMFE e que derivou nunha análise materializada en once informes independentes. Neste documento recolleuse a evidencia científica sobre a redución da esperanza de vida das persoas que teñen estas enfermidades (parámetro de valoración recollido no real decreto), para apoiar a necesidade de contemplar o suposto de xubilación anticipada.

“Para moitas persoas con discapacidade a xubilación anticipada é un paso imprescindible para a súa saúde e benestar, responde á necesidade de igualar a transición cara á xubilación ante situacións específicas relacionadas coa redución da esperanza de vida das persoas con certas patoloxías, as dificultades para acceder e manter un emprego e a importancia de dispoñer de recursos económicos suficientes ante o sobre custo que supón ter unha discapacidade”, explica o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga.

Segundo o Real Decreto 370/2023, do 16 de maio no procedemento de inclusión destas novas patoloxías incluiríase o establecemento dunha comisión técnica que será a encargada de propoñer a súa incorporación para garantir a obxectividade do procedemento. A Confederación reclama ao Ministerio formar parte desta comisión técnica o movemento asociativo da discapacidade, para poder abordar a inclusión destas patoloxías e preparar a redacción da Orde Ministerial que debe culminar este proceso de actualización da listaxe vixente.

“Seguiremos traballando paralelamente coas organizacións do noso movemento asociativo e persoal técnico experto para poder seguir ampliando esta lista, así como na mellora do procedemento que o Goberno estableceu para a súa actualización, para que sexa un proceso máis transparente e inclusivo”, afirma Queiruga.

A última regulación da xubilación anticipada aprobada en 2023 supuxo unha flexibilización desta prestación que respondía a unha demanda histórica de COCEMFE e de todo o movemento asociativo da discapacidade, que aglutina o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI). Ademais de establecer o procedemento de actualización de patoloxías, supuxo unha redución do período necesario de cotización para poder acceder á xubilación anticipada en determinados supostos.

Galería de imaxes