Máis de 250 consultas e 9 denuncias chegaron ata o servizo de asesoramento xurídico de COGAMI

Máis de 250 consultas e 9 denuncias chegaron ata o servizo de asesoramento xurídico de COGAMI

COGAMI dispón dunha área Xurídica que ten por finalidade apoiar, informar e asesorar sobre os recursos existentes e facer intervencións naquelas situacións que máis o precisan. Dirixido a persoas con discapacidade, familias e entidades do ámbito social, este servizo, que é gratuíto, conta con profesionais formadas en Dereito.

Durante este ano 2023, este servizo Xurídico xestionou 268 consultas, a maior parte destas procedentes da provincia de A Coruña, sendo o 59% das rexistradas, seguida da provincia de Pontevedra, o 25%, a de Lugo que rexistrou o 11% das consultas e a de Ourense 5%.

En relación ás temáticas más tratadas nestas intervencións remitidas a COGAMI, o 37% estaban relacionadas co emprego, como os incentivos que hai para as empresas que contratan persoas con discapacidade, a adaptación de postos de traballo e eliminación de barreiras e medidas que favorecen o acceso ao emprego.

O certificado do grao de discapacidade ou de incapacidade laboral para a profesión habitual é outra das consultas máis repetidas, ascendendo a 69 nas que COGAMI presta apoio para a redacción das reclamacións previas á resolución do grao de discapacidade ao detectarse retrasos na aplicación das valoracións feitas co novo baremo.

A materia relacionada coa accesibilidade é outra das que demandou apoio por parte da área Xurídica de COGAMI,  chegando a rexistrarse 46 consultas moitas delas centradas en reclamacións de obras de accesibilidade en comunidades de propietarios.

O dereito a unha vivenda, a dependencia, o dereito á educación, cuestións relacionadas cos centros especiais de emprego, o mundo asociativo, consultas relacionadas cos beneficios fiscais aos que se ten acceso pola condición da discapacidade como o IVE reducido na compra de vehículos para persoas con mobilidade reducida, a exención do imposto municipal de vehículos de tracción mecánica e as deducións no imposto sobre a renda de persoas físicas, foron o resto das consultas remitidas.

A área Xurídica rexistrou tamén un total de 10 denuncias, todas estas relacionadas coa falta de accesibilidade e medios de apoio no transporte público, coas carencias de accesibilidade no transporte marítimo regular e tamén coas dificultades que viven as persoas con mobilidade reducida cando desexan acceder á actividades culturais, dende que se deciden a mercar as entradas como tamén sobre a localización das prazas reservadas. Tamén chegaron denuncias relacionadas coa necesidade de mellorar a tramitación de subvencións dirixidas ao impulso da accesibilidade nas vivendas e comunidades de veciños/as cando hai persoas con discapacidade residindo na edificación.

Para poder levar a cabo este servizo, COGAMI conta co apoio financeiro dos fondos procedentes do 0,7% do IRPF, coñecida pola X Solidaria, que xestiona a Xunta de Galicia, ademais da Deputación de Pontevedra, a Deputación de Ourense e a Deputación de A Coruña.