O programa de formación que desenvolve COGAMI ao longo de 2025 volveu poñer o foco na capacitación profesional das persoas con discapacidade ou con incapacidade laboral para a profesión habitual, como vía fundamental para a súa inserción laboral. Trátase dunha formación adaptada ás necesidades e capacidades de cada persoa, deseñada á medida das demandas reais do mercado de traballo e do tecido empresarial de cada territorio.
Durante o pasado ano, COGAMI levou a cabo un total de 66 cursos formativos, nos que participaron 674 persoas con discapacidade ou con incapacidade laboral para a profesión habitual, sumando 7.817 horas de formación en diferentes especialidades. Tras finalizar estas accións formativas, producíronse 271 insercións laborais, o que supón unha taxa de inserción do 40 %.
Do total de cursos desenvolvidos, 64 foron presenciais, 36 enmarcáronse no programa Máis Emprego, financiado pola Fundación ”la Caixa”, 2 realizáronse en modalidade de aula virtual, en colaboración coa Fundación Integralia e DKV e 5 son Accións Formativas para Desempregados (AFD) que financian a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Ministerio de Educación, Formación profesional e Deportes. Esta diversidade de formatos facilitou o acceso á formación en distintos puntos de Galicia, impartíndose nas sete cidades galegas nas que COGAMI conta con puntos de atención: A Coruña (4 cursos), Santiago (4), Ferrol (10), Lugo (14), Ourense (7), Pontevedra (8) e Vigo (12), e tamén en concellos do rural, como O Barco de Valdeorras (1), Lalín (1), Ordes (1), Vilagarcía (1) e Verín (2).
As accións formativas abrangueron ámbitos con alta demanda laboral, como a administración, a atención ao cliente, a limpeza, a loxística, a conserxería, a hostalaría, a manipulación de alimentos, a seguridade ou as competencias dixitais, entre outros. Ademais, 101 das insercións acadadas estiveron directamente relacionadas coa especialidade cursada, reforzando a conexión entre formación e emprego.
Cada itinerario formativo parte dunha análise individual das necesidades da persoa e das oportunidades laborais da contorna, co obxectivo de mellorar a empregabilidade e favorecer unha inclusión laboral real e sostible das persoas con discapacidade no mercado de traballo ordinario.