MANIFESTO 8M. Día Internacional da Muller

MANIFESTO 8M. Día Internacional da Muller

#8M #TODOSOSDEREITOS #TODASASMULLERES

COGAMI adhírese ao Manifesto de ACADAR e CEMUDIS.

“A loita polos dereitos das mulleres non é só unha cuestión de igualdade, senón unha cuestión de xustiza e liberdade”, afirmou Clara Zetkin, activista e teórica do feminismo, e, como cada 8 de marzo, Día Internacional da Muller, alzamos a voz para reivindicar os nosos dereitos: esixindo que se protexan fronte a todo tipo de discriminación; pedindo que a igualdade se fomente para transformar a sociedade; impulsando o apoderamento para garantir a nosa participación plena.

Este 2025 cúmprese o 30º aniversario da Declaración e Plataforma de Acción de Beijing, un ano clave para lembrar a importancia dun acordo que marcou un punto de inflexión na historia da loita polos dereitos das mulleres e nenas a nivel mundial. Os acordos acadados sentaron as bases para que as políticas públicas fixaran obxectivos en áreas chave das nosas vidas, como a saúde, a educación, a participación política ou a eliminación da violencia cara as mulleres e nenas. Os Estados comprometéronse a lexislar e investir en favor dunha igualdade real que, 30 anos despois, seguimos sen acadar.

E é que a Declaración e Plataforma de acción de Beijing, que foi adoptada por 189 Estados, segue constituíndo o documento máis progresista e protector dos dereitos das mulleres e da igualdade de xénero, poñendo por primeira vez sobre a mesa a realidade, así como a necesidade de atender os dereitos das nenas e mulleres con discapacidade para promover a nosa participación en igualdade de condicións.

Este documento defende que os nosos dereitos non son alleos nin deben ser tratados de xeito separado ao do resto das mulleres. Supón unha marca importante para o feminismo, conformando que todas as mulleres debemos estar unidas nas nosas reivindicacións para eliminar a sociedade patriarcal e avanzar cara un modelo máis xusto no que todas as persoas teñamos os mesmos dereitos e oportunidades.

Neste sentido, a axenda política global, seguiu esta folla de ruta. Aínda que os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas seguen presentando grandes retos e desafíos para a comunidade internacional. A consecución dos ODS soamente será posible se as mulleres e nenas pasamos a ser protagonistas da historia, isto require que se poña especial atención na defensa e protección dos dereitos fundamentais das mulleres e nenas con discapacidade. Somos nosoutras quenes vivimos unha discriminación interseccional que incide de maneira directa na nosa situación de vulnerabilidade, limitando os nosos dereitos e perpetuando un sistema patriarcal.

No caso de España, o movemento asociativo das mulleres con discapacidade celebramos o avance lexislativo que supuxo a reforma do artigo 49 da Constitución o pasado ano, un recoñecemento ás nosas reivindicacións e un gran paso na salvagarda dos nosos dereitos. O cambio de paradigma respecto ao emprego da expresión “persoas con discapacidade” antepuxo, por primeira vez, o recoñecemento como titulares de dereitos. Ás mulleres con discapacidade non nos define o feito de ter unha discapacidade, é unha condición máis que, ata agora, era considerada de xeito pexorativo. Transformar a linguaxe supón evolucionar, ampliar a mirada, cambiar o imaxinario colectivo e, por tanto, a nosa realidade.

Xunto a isto, e relacionado coa necesidade de protexer os dereitos das mulleres e nenas con discapacidade, queremos poñer o foco na normalización que segue a existir fronte a vulneración dos dereitos das nenas e mulleres respecto ao exercicio da xustiza. A análise do seu estado reflicte como, dende a xudicatura, perpetúanse prexuízos que obvian os dereitos fundamentais das mulleres.

Por último, este 8M, e en base ao impulso ao empoderamento das mulleres e nenas con discapacidade como contexto, cremos preciso tratar o prexuízo que existe no desenvolvemento da Intelixencia Artificial (IA). O impacto da IA nas nosas vidas é latente, e preocúpanos a falta de regulación que hai. Se ben o seu potencial é indiscutible, a necesidade de establecer límites éticos tamén. O prexuízo que denunciamos débese, entre outros factores, á falta de representación das mulleres no sector da computación e da codificación, onde as mulleres representan o 12% do persoal que investiga en IA e só o 6% as que se dedican á programación, o que supón que o 88% dos algoritmos son creados por homes. Isto tradúcese en que as aplicación da IA reproducen os estereotipos de xénero que impregnan a sociedade. O sexismo, así, trasládase ás novas aplicación, reproducindo e reforzando a discriminación interseccional que vivimos as mulleres e nenas con discapacidade. Segundo datos do estudo Autopercepción da imaxe das mulleres nos novos espazos dixitais, as mulleres con discapacidade están “profundamente invisibilizadas”.

Ademais, hai que considerar o impacto da desinformación e os deepfakes ligado ao crecemento da IA, o que se traduce nunha normalización da violencia, afianzando un relato no que os novos sistemas de representación transmiten unha visión distorsionada da realidade, chegando incluso a posturas negacionistas respecto á ciberviolencia.

Por todo isto, reivindicamos:

Que se concreten medidas reais e dote do orzamento necesario para garantir leis que poñan o foco na nosa realidade e na atención ás necesidades específicas das mulleres e nenas con discapacidade.

Que se impulsen cambios normativos que melloren as leis e doten de instrumentos para protexer os dereitos das mulleres e nenas con discapacidade.

Que se revisen, aseguren e actualicen as formacións especializadas en igualdade orientadas aos xuíces e xuízas, así como aos corpos de seguridade que interveñen nos procesos relacionados con mulleres e nenas que viviron situación de violencia, con énfase nas mulleres con discapacidade, dada a discriminación interseccional que vivimos.

Que se garanta a accesibilidade universal á xustiza e aos servizos de atención, tanto en termos de barreiras arquitectónicas como sociais.

Que se desenvolvan sistemas de control para protexer ás nenas e mulleres con discapacidade das novas formas de violencia en especial da violencia dixital.

Que se garantan os apoios e axustes necesarios para que as nenas e mulleres con discapacidade accedan á formación adecuada ás súas capacidades de cara a promover a súa futura inclusión no mercado laboral.

Que se incorporen cursos en novas tecnoloxías da información e da comunicación nas formacións académicas regradas e non regradas a mulleres e nenas con discapacidade.

Que se garanta un sistema de promoción da autonomía poñendo o foco na persoa e atendendo aos seus desexos e demandas independentemente do seu lugar de pertenza.

Que se dote do orzamento preciso para despregar un sistema que impulse a autonomía persoal e independencia das mulleres con discapacidade.

Que o indicador de xénero e discapacidade sexa tido en conta en todos os estudos, investigacións, medidas e políticas públicas que se poñan en marcha.

Que se emprendan campañas de sensibilización que promovan unha imaxe real e normalizada das nenas e mulleres con discapacidade. As mulleres e nenas con discapacidade queremos sentirnos representadas en todos os ámbitos e esferas sociais.

Que se xeren espazos dixitais seguros, creando órganos e medidas de regulación sobre os contidos dixitais.

Que se inclúan formacións sobre violencia de xénero dixital para tomar conciencia sobre como identificala, previla e denunciala.

Que se desenvolvan protocolos de actuación fronte a violencia de xénero dixital, establecendo procesos de avaliación e canles de denuncia.

Que se promovan a sensibilización, a coeducación e a formación en igualdade desde un enfoque interseccional como base dunha sociedade que aspira a ser máis igualitaria e xusta.

Que se potencia o papel das entidades que traballan directamente con mulleres como ferramenta para promover o seu empoderamento.

#8M