O 14 de marzo conmemórase o Día Mundial do Ril, unha data que lembra que a enfermidade renal crónica afecta ao 15% da poboación que, dende a Federación Alcer Galicia apuntan que “de seguir o seu ritmo de crecemento actual, padeceraa un terzo das persoas maiores de 65 anos, converténdose na segunda causa de mortalidade en España”.
O Día Mundial do Ril celébrase este ano baixo o lema Promovendo a igualdade no acceso á atención sanitaria, co fin de incidir na necesidade de garantir a igualdade e un acceso equitativo aos recursos sociosanitarios e tratamentos renais para as persoas que conviven con enfermidade renal crónica, que na última década incrementou un 30%, situándose en 1.411 pacientes por millón de poboación. Actualmente hai 66.982 persoas en España en diálise ou transplante. En Galicia 2.142 persoas atópanse na actualidade cun transplante funcional e case 2.000 en diálise.
Dende a Federación Alcer Galicia súmanse á solicitude dun Plan de Saúde Renal de ámbito nacional que recolla medidas concretas para avanzar na prevención e diagnóstico precoz da enfermidade renal crónica e poder frear o seu crecemento. “A nivel galego contamos co Proceso de Atención Integral da Consellería de Sanidade, agardamos que sirva para conseguir este obxectivo”, expresan dende a Federación, que engaden “unímonos á reivindicación de fomentar as técnicas de diálise domiciliaria para facilitar o proxecto de vida das persoas en tratamento renal substitutivo nun territorio, como o galego, dunha alta dispersión. As indicacións en materia de atención en enfermidade renal crónica sinalan que se deben fomentar ás técnicas domiciliarias, pero nin en Galicia nin en España todas as persoas en diálise teñen acceso igualitario a tratamentos domiciliarios que faciliten manter o proxecto de vida”.
Co gallo desta data, dende a Federación Alcer Galicia queren destacar que a enfermidade renal crónica é unha das patoloxías máis descoñecidas pola poboación xeral, cun elevado impacto sociosanitario que chega ao 4% da inversión sanitaria e calidade de vida das persoas. Apuntan tamén que se coñece como epidemia silenciosa ao contar cunha taxa de infradiagnóstico por riba do 40%.
Dende a Federación rematan expresando que a saúde renal formará parte dos coidados da sociedade cando “os sistemas de traslados a tratamento de hemodiálise sexan equitativos e con garantías de calidade en toda Galicia, cando se respecten os acordos da intervención integral á persoa e se traballe en conxunto con traballo social, psicoloxía e nutrición e cando se equipe aos plans de actuación de orzamentos para poder realizar unha prevención a curto prazo real”.
Para este 14 de marzo, a Federación Alcer Galicia solicitou un apagamento de Concellos e Deputacións en solidariedade coa poboación electrodependente que en Galicia non conta desde hai anos con axuda para sufragar os gastos ocasionados polos tratamentos de diálise domiciliaria, osixenoterapia, entre outros.
Podes ver os actos programados para estes días no cartel: