O centro de atención diúrna de COGAMI en Monte Porreiro estrea a obra Promesas incumpridas, unha proposta teatral aberta á veciñanza

As persoas usuarias do centro de atención diúrna que COGAMI ten en Monte Porreiro (Pontevedra) soben ao escenario para representar a obra de teatro Promesas incumpridas, unha peza froito de meses de traballo, esforzo e ilusión. A representación foi no Centro Cultural de Monte Porreiro (rúa Alemaña, 50), aberta a toda a veciñanza que desexara asistir como público.

A iniciativa, que nace cun marcado carácter sensibilizador, busca visibilizar o talento diverso e rachar cos estereotipos arredor da discapacidade. Trátase dun proxecto cultural no que as persoas participantes levan meses ensaiando baixo a dirección do voluntario José Manuel Lareu, cunha ampla traxectoria no eido escénico.

A xornada completouse cunha actuación especial do Grupo de Cantos Populares de Taberna Maiores de Pontevedra, que amenizou o evento coa súa música tradicional, contribuíndo a crear un ambiente festivo, alegre e comunitario.

Dende o centro, que leva en funcionamento desde o ano 2011, destacan o valor desta proposta tanto como ferramenta terapéutica como canle de expresión artística. A representación pretende promover unha imaxe normalizadora da discapacidade, mostrando á sociedade as capacidades, a creatividade e o potencial das persoas que forman parte do centro.

A actividade foi deseñada para todos os públicos e supón unha oportunidade única para apoiar o talento local e sumarse a unha causa que aposta pola inclusión real e efectiva.

Galería de imaxes

Todas
|
COGAMI
|
Monteporreiro
|
SAD
|
teatro