O centro que COGAMI ten en Lugo amplía a frota de vehículos adaptados para o transporte das persoas usuarias

Podes descargar a nota en word

O centro de día e ocupacional que ten COGAMI en Fingoi, Lugo, incorporou vehículo de transporte adaptado á súa frota. Pasa a sumar 5 furgonetas adaptadas que son utilizadas por trinta das trinta e catro persoas usuarias que ten o centro.

Trátase dunha furgoneta modelo Ford Transit Ecoblue Hybrid con capacidade para 9 prazas. Na parte dianteira, ademais do asento da persoa condutora, conta cunha dobre praza, e na parte traseira ten habilitados 6 asentos individuais que se poden extraer para deixar sitio a catro cadeiras de rodas. Outra das características desta nova incorporación é que está dotada dunha plataforma elevadora na parte traseira e de dous chanzos eléctricos, un deles colocado na porta lateral e o outro está na porta do copiloto.

A nova incorporación supón un reforzo para as rutas que desenvolve o centro: a ruta Sur que recolle as persoas usuarias dos concellos de Sarria, O Corgo e Láncara; a ruta Norte con traxectos polos concellos de Rábade, Outeiro de Rei, Castro de Rei e Meira e as rutas urbanas que pasan para recoller as persoas usuarias do centro que viven na cidade. 

O servizo de transporte adaptado realiza unha media de 725 quilómetros diarios no traslado das persoas dende as súas casas ata o centro durante as mañás de luns a venres, e dende o centro de volta ás súas casas pola tarde. Tamén realizan saídas para realizar actividades fóra das instalacións como son a natación terapéutica, o baloncesto, saídas lúdicas e culturais ademais da realización de actividades da vida diaria.

Galería de imaxes

Todas