O equipo de profesionais da atención temperá de COGAMI visita as novas instalacións deste servizo en Poio

O equipo de profesionais da atención temperá de COGAMI visita as novas instalacións deste servizo en Poio

O vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, acompañado do equipo de Atención Temperá de COGAMI, visitou xunto ao alcalde de Poio, Ángel Moldes, e as concelleiras de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, e de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, as instalacións do que vai ser a primeira unidade de atención temperá do Concello de Poio.

Este novo servizo, que acollen as instalacións da Casa Rosada, será gratuíto para as familias, ao contar cun orzamento de 266.000 euros procedentes da Consellería de Política Social, da Rede Galega de Atención Temperá e que confinancia o Fondo Social Europeo.

A atención temperá busca previr e actuar ante problemas de desenvolvemento nas crianzas menores de 6 anos. Xestionado por COGAMI, tras recibir a maior puntuación no proceso de adxudicación, está formado por psicóloga, logopeda, terapeuta ocupacional e fisioterapeuta pediátrica. O servizo ten por obxectivo traballar de xeito conxunto coas familias no coidado, desenvolvemento e autonomía dos nenos e nenas para que poidan ter unha mellor vida, en palabras de Ramón Sestayo ofrece “unha atención fundamental para favorecer que os nenos e nenas poidan desenvolver as súas capacidades nesas idades ”.

Este servizo que inicia en Poio vense a sumar aos que xa xestiona COGAMI dende o ano 2020, cando lle foi concedida a xestión da unidade da Mancomunidade do Baixo Miño, á que se lle foi sumando as dos concellos de Abegondo, Bergondo e Carral, ademais de Sada, Mos e Ponteareas.

Galería de imaxes