As técnicas que desenvolven o proxecto RUMBO cara a unha vida independente en Lugo, a traballadora social, Carla Fernández, e a educadora social, Cristina Alonso, impartiron unha formación para capacitar na asistencia persoal.
Un total de 11 persoas, 9 mulleres e 2 homes, durante oito sesións acudiron a esta formación para coñecer a figura da asistencia persoal, unha profesión con grande peso de cara á vida independente das persoas con discapacidade e a súa autonomía persoal.
Durante estes talleres, falouse de discapacidade e vida independente, dos dereitos universais das persoas con discapacidade, de accesibilidade e dos produtos de apoio necesarios, de como desenvolver transferencias e mobilizacións sempre dende a figura da asistencia persoal.
Ademais de ser clases teóricas, tamén houbo a oportunidade de poder levar estes coñecementos á práctica nas que se convidaron a persoas usuarias e traballadoras do servizo de asistencia persoal coas que o alumnado puido compartir experiencias e resolver as dúbidas que foron xurdindo durante a semana.
RUMBO é un proxecto piloto experimental a nivel nacional no que participan entidades sociais como COCEMFE, da que forma parte COGAMI, FEDACE, ASPACE, Impulsa Igualdad e a Confederación Autismo España. A través deste programa preténdese ofrecer un novo modelo de apoio á autonomía persoal coa combinación de servizos e recursos que permitan evitar a institucionalización e manter ás persoas con discapacidade na súa contorna, facilitando formas de vida inclusivas en condicións de seguridade, accesibilidade e benestar.
O proxecto está vinculado aos Fondos Next Generation da UE e o Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, vinculados ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.