As persoas usuarias do centro de día que COGAMI ten en Fingoi, Lugo, celebrarán un recital de poesía na Biblioteca Pública de Lugo (Avda. Ramón Ferreiro, s/n). A actividade, coa participación activa de 14 persoas usuarias, algunhas delas con dificultades de lectoescritura e mesmo con analfabetismo total.
Durante o evento presentáronse como grupo A.L.E.X., nome escollido recentemente como homenaxe a un compañeiro do centro falecido, que formaba parte desta actividade cultural. A súa familia estivo presente no acto, no que se lle dedicou un emotivo recoñecemento.
O recital incluíu a interpretación en grupo de catro poesías acompañadas dun traballo audiovisual elaborado polas propias persoas participantes. O vestiario tamén forma parte da posta en escena, deseñado especificamente para a ocasión por unha das usuarias do centro.
Esta actividade non só busca fomentar o gusto pola lectura, senón tamén potenciar a creatividade, o coñecemento literario e histórico, a escoita activa, o traballo en equipo e, sobre todo, a inclusión de todas as persoas, independentemente do seu nivel lector.
Unha relación consolidada coa biblioteca pública
A relación entre o centro de día e a Biblioteca Pública de Lugo vén de lonxe. Desde o ano 2019, persoas usuarias do centro acoden semanalmente á biblioteca en pequenos grupos, acompañadas por voluntariado e alumnado en prácticas, participando en actividades como lectura de xornais, cómics, libros ou préstamos audiovisuais. Ademais, teñen organizado con anterioridade exposicións como Ataque de Inspiración, no marco do proxecto europeo Artability+, ou Xogo de Fíos, da artista Lorena Quintas.