Persoas usuarias do servizo que COGAMI desenvolve no CEGADI realizan o Camiño

Descarga a nota

Once persoas con discapacidade usuarias do servizo Autonomía+, que COGAMI desenvolve nas instalacións do CEGADI de Santiago, están a percorrer os últimos quilómetros do Camiño de Santiago como parte do seu proceso de rehabilitación orientado á mellora da autonomía, independencia e calidade de vida.

A actividade arrancou o martes 20 de maio dende O Pedrouzo (O Pino) e culminará este venres 23 de maio coa chegada á Praza do Obradoiro. Esta iniciativa forma parte das intervencións individualizadas que se realizan coas persoas usuarias do servizo, cun obxectivo claro: expoñerse a retos que inicialmente consideran inalcanzables, e demostrar que, con apoio e motivación, son capaces de facer moito máis do que pensan. Ao longo de catro etapas de entre 4 e 6 quilómetros diarios, o grupo avanza cara Santiago, comezando cada día ás 9:30h.

Acompañados por un equipo de 7 a 8 profesionais do proxecto, as persoas participantes –de entre 27 e 64 anos, procedentes de Porto do Son, Lousame, Valga, Mazaricos e Santiago– están a vivir esta experiencia como unha ferramenta de motivación, superación e conexión coa natureza. A maioría das persoas teñen mobilidade reducida, polo que realizar o Camiño supón un verdadeiro reto persoal e físico.

Ademais do beneficio físico, esta experiencia ten un forte compoñente emocional e social, xa que permite compartir vivencias e reforzar os vínculos grupais, nun espazo seguro e estimulante.

Galería de imaxes

Todas