Espina bífida, Párkinson, distrofia miotónica tipo 1 (Steinert), enfermidade de Huntington, esclerose sistémica, amiloidosis por transtiretina variante e enfermidade renal crónica (estadioG5) son as sete patoloxías que entran dentro do procedemento de xubilación anticipada de persoas traballadoras con grao de discapacidade igual ou superior ao 45 %.
Dende as entidades, como COGAMI, que formamos parte do movemento asociativo COCEMFE, celebramos esta decisión recollida no informe definitivo favorable emitido pola Comisión Técnica, no marco do previsto no Real Decreto 1851/2009.
Este avance supón un logro social, froito dun traballo intenso de incidencia política, coordinación técnica e cohesión das entidades que, nos últimos anos, impulsaron a ampliación das patoloxías que poden acollerse a este dereito, aportando evidencia científica rigorosa sobre a redución da esperanza de vida asociada a determinadas enfermidades, tal e como se establece no procedemento aprobado polo Goberno de España para tal fin.
Este paso confirma que o traballo conxunto das diferentes organizacións de persoas con discapacidade que forman parte do movemento asociativo COCEMFE, as entidades representativas de cada unha das patoloxías e o coñecemento científico especializado son a vía axeitada para avanzar no recoñecemento de dereitos. Como apunta Anxo Queiruga, “cando o movemento asociativo traballa coordinadamente, con rigor e respaldo técnico, lógranse cambios estruturais que melloran a vida de milleiros de persoas”.
Tras estes primeiros pasos, hai que seguir agardando a que continúe o procedemento. O informe definitivo favorable aínda non implica a incorporación efectiva destas patoloxías ao anexo do Real Decreto 1851/2009, paso imprescindible para que as persoas que as presentan poidan solicitar a xubilación anticipada. Segundo establece a Orde ISM/444/2025, o procedemento contempla a emisión do informe definitivo por parte da Comisión Técnica e, posteriormente, a resolución administrativa da Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social. En caso de resolución favorable, será necesario promover a modificación normativa do anexo do Real Decreto e a súa publicación no Boletín Oficial do Estado, momento no que poderá exercerse o dereito de xeito efectivo.
Polo tanto, é importante que o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións outorgue a máxima celeridade para culminar os trámites pendentes.