Juan José, Isabel, Begoña, Victoria, Alexandre, Esther e Vilomar, ademais de ter en común que viven en Ordes, tamén coinciden en que teñen o certificado de discapacidade ou incapacidade laboral, superan a media de idade de 50 anos, salvo Begoña e Vilomar, e todas queren contar cunha oportunidade para incorporarse ao mercado laboral. Queren traballar, necesitan traballar.
Buscan pola súa conta e tamén, ao estar inscritas na bolsa de COGAMI como demandantes de emprego, decidiron entrar a formar parte do programa Integrado de Emprego. Trátase dun proxecto que está deseñado para acompañar e apoiar ás persoas con discapacidade, unha ponte entre quen busca emprego e as empresas que precisan man de obra.
En busca dun futuro profesional
Este grupo de Ordes reuniuse na primeira sesión grupal do Programa Integrado para compartir as súas experiencias. Xa comezaron a abrirse, relatando historias persoais que resumen dende longas traxectorias profesionais interrompidas por problemas de saúde, ata anos dedicados ao coidado de familiares ou vivencias dende a emigración. Hoxe todas comparten a mesma ilusión: atopar unha nova oportunidade laboral.
Para Mª Esther (59 anos), unha ama de casa que decidiu reinventarse tras un divorcio “buscar traballo é un traballo en si mesmo. O máis difícil é empezar”. Dende que entrou a formar parte da bolsa de emprego de COGAMI iniciou un proceso de formación en cursos de operacións auxiliares e administrativas e competencias clave. “A formación é sempre tempo invertido”, expresa, “gústame formarme, reciclarme, estar activa pero pensas, e cando vou ter ingresos?”
Pesan os anos? Todos coinciden en que si, pero para o mercado laboral. Juan José (59 anos), volveu de Suíza. Tras 18 anos traballando en fábricas, volveu a Galicia e decidiu reciclarse en novos sectores. “O mercado laboral quere xente con discapacidade, pero que traballe como se non a tivese. Sei que teño que adaptarme e buscar algo que poida defender”.
Mª Isabel (55 anos) con tres anos marchou para Venezuela e retornou hai cinco para a súa vila natal. Gustaríalle traballar no coidado de persoas maiores porque ten experiencia e incluso fai voluntariado acompañándoas. “Este programa é importante porque nos motiva. Gustaríame traballar, facer algo que me manteña activa”, sinala.
Mª Victoria (56 anos) conta tamén con ampla experiencia no coidado de persoas maiores e gustaríalle poder desempeñar este traballo de atención domiciliaria ou de limpeza. Ten experiencia pero non unha titulación que a avale, por iso decidiu apuntarse a este Programa Integrado. “A formación é tempo investido, pero tamén tes outras obrigas. Necesito orientación para saber por onde tirar”, opina.
Para Alexandre (52 anos) o que máis custa é poder atopar esa primeira porta aberta de cara á inserción, segundo dixo “o problema é que nos dean a primeira oportunidade. Que nos deixen demostrar que podemos facer o traballo”.
Vilomar (45 anos) chegou de Venezuela na busca de máis oportunidades que as que teñen actualmente no país. Con ampla experiencia en talleres de costura, gustaríalle poder desempeñar un posto no sector téxtil. “Hai traballo que podo facer, pero preciso que alguén me dea a oportunidade”.
A benxamina deste grupo, Begoña (37 anos), expresaba estar desanimada na súa experiencia como buscadora de emprego. Afirmaba que levaba máis de 1.000 currículos enviados e aínda así non perde a esperanza. “Ves que collen a outra xente e a ti non. Iso desanima, pero sigo buscando”.
Un camiño con apoio
Cada unha destas historias reflicte as dificultades, pero tamén a forza e a determinación de quen non se rende. Confían en que programas como este Integrado, financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Ministerio de Traballo e Economía Social, sirvan de ponte entre a persoa que busca traballo e a empresa que busca man de obra. Ademais desta sesión grupal, recibirán orientación personalizada, obradoiros de coaching e motivación, talleres de entrevistas, habilidades sociolaborais e formacións adaptadas aos perfís seleccionados e prácticas profesionais en empresas locais.
Con apoio, formación e confianza, cada un destes veciños e veciñas de Ordes espera atopar o seu lugar no mercado laboral e demostrar que as segundas oportunidades son posibles.