O alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muiño, acompañado do presidente da asociación Íntegro, Adolfo López Baña, e da directora do centro de recursos da entidade, Noelia Barreira, visitaron as antigas casas dos mestres, agora reconvertidas en vivendas sociais para persoas con discapacidade. Este proxecto forma parte da Experiencia Piloto de Vida Independente, que comezou o 1 de setembro, grazas á cesión destas vivendas polo Concello de Cabana e ao co-financiamento da Xunta de Galicia con fondos procedentes do 0,7% do IRPF, daquelas persoas que marcaron o recadro 106 destinado a fins sociais.
O principal obxectivo deste programa é dotar ás persoas con discapacidade do rural da Costa da Morte de habilidades que lles permitan levar unha vida autónoma e independente, mediante servizos de proximidade centrados na persoa e adaptados ás súas necesidades individuais. Este proxecto busca tamén evitar o desarraigamento, permitindo que as persoas beneficiarias permanezan na súa zona de orixe, sen ter que desprazarse fóra da súa contorna para acceder a recursos de apoio.
Cada apartamento, situado preto do CPI As Revoltas, conta con espazos accesibles e adaptados para persoas con mobilidade reducida. Na actualidade, dúas persoas benefícianse deste proxecto, recibindo supervisión diaria para o desenvolvemento das actividades básicas da vida diaria.
O presidente de Íntegro destacou a importancia de “contar con recursos que eviten o distanciamento das familias”, mentres que o alcalde asegurou que “este tipo de iniciativas son fundamentais para garantir a plena inclusión das persoas con discapacidade na sociedade”.