O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, e mailo presidente da entidade membro AMIZADE, Paulo Fontán, participaron no seminario de inclusión social realizado pola Facultade Ágora, iniciativa formativa da Deputación de Pontevedra para representantes da política e técnicas dos concellos da provincia.
Tras un breve repaso pola historia de COGAMI dende os seus inicios, Anxo Queiruga explicou que xa son trinta anos de percorrido da organización, impulsando un cambio social para que as persoas con discapacidade estean no centro dos deseños urbanos e se teñan en conta.
"A accesibilidade non vai en contra de ninguén, debería estar interiorizada por todo o mundo. Antes parecía que o que se facía nas cidades non era en beneficio da comunidade, que só era para nós, para uns poucos", explicou Queiruga quen continuou dicindo que "calquera persoa pode de maneira temporal ter un problema de mobilidade, operarse dunha cadeira ou caer e romper unha perna, e verse afectada polos problemas que xeran os deseños non accesibles". Continuou coa súa intervención que se avanzou nestes trinta anos pero que hoxe en día “hai xente que non pode saír das súas casas de maneira permanente”.
Durante a súa intervención, Paulo Fontán, centrouse nas cuestións técnicas, prácticas e de normativa cando falou sobre a accesibilidade. En palabras de Paulo, o mellor deseño para dar resposta ás necesidades das persoas vulnerables "é aquel que non se ve e que permite que todas as persoas se desenvolvan no espazo público sen contratempo”. Insistiu en que as normas urbanísticas "existen por algo" e salientou que as solucións técnicas deben cumprir "uns mínimos".
Paulo finalizou a súa intervención instando tanto ao persoal técnico como a profesionais de arquitectura e enxeñería e das administracións locais a que se asesoren coas persoas que viven de primeira man como é moverse en cadeira de rodas ou con outras discapacidades no espazo público.