• Novas
  • 19 de octubre de 2020

A Asociación Galega de Linfedema dedica outubro a sensibilizar sobre esta enfermidade que afecta a moitas mulleres tras un cancro de mama

A Asociación Galega de Linfedema dedica outubro a sensibilizar sobre esta enfermidade que afecta a moitas mulleres tras un cancro de mama

Co motivo da conmemoración do 19 de outubro como o Día Internacional do Cancro de Mama, dende a Asociación Galega de linfedema, lipedema, insuficiencia venosa crónica e outras patoloxías vasculares periféricas (AGL) estase a levar a cabo un traballo de sensibilización en redes sociais Facebook e Instragram co fin de dar a coñecer esta enfermidade.

Esta é a miña historia, así é como se denominan as testemuñas de mulleres que, tras superar un cancro de mama, teñen diagnosticado un linfedema, patoloxía que se produce por unha obstrución do sistema linfático do brazo afectado, provocándolles que a linfa quede retida e comece a acumularse un exceso de líquido cun aumento do volume do brazo.

O linfedema é unha das secuelas máis subestimadas e invalidantes do cancro de mama, sen embargo, ao tratarse dunha complicación non letal na maioría dos casos, recibe pouca atención e investígase menos que outras complicacións do tratamento do cancro mamario.

A incidencia varía dependendo do tipo de tratamento recibido, existindo maior risco cando se realiza mastectomía total, disección axilar, radioterapia, e en pacientes con ganglios positivos para cancro.

O linfedema é xa un problema de saúde a nivel global, estimando que en España, das 25.000 persoas afectadas de cancro de mama tratadas cada ano, máis de 6.000 chegarán a padecer linfedema. En canto á prevalencia, aproximadamente 150.000 persoas padecen linfedema secundario causado pola obstrución ou destrución do sistema linfático.

A incidencia do linfedema asociado ao cancro de mama, varía entre 3%-65% dependendo do tipo de tratamento e o tempo de seguimento. No 75% dos casos se presenta dentro do primeiro ano e no 90% dentro dos 3 anos posteriores.

O linfedema do membro superior é un problema transcendental para as mulleres, polo importante deterioro funcional e psicolóxico. A terapia con dispositivos de compresión elástica e a drenaxe linfática manual son, a día de hoxe, as terapias máis eficaces para o linfedema; estas terapias deben ser asumidas polas pacientes, supoñéndolles un esforzo económico adicional que non pode ser cuberto sempre.

Dende AGL, coa colaboración de Fundación ONCE, Deputación de A Coruña, Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia (a través do IRPF), lévanse 5 anos contribuíndo a mellorar a calidade de vida das persoas que teñen linfedema, a través do Programa de Fisioterapia especializado en Linfedema, onde 13 profesionais con acreditación realizan este tipo de terapias a preto de 90 persoas de diferentes puntos de Galicia.

Para AGL é indispensable investir máis na investigación do linfedema e poder ofrecer máis recursos públicos nesta área, co obxectivo de recoñecer esta enfermidade como se merece e en beneficio sempre da mellora da calidade de vida das persoas que a teñen.