Na comarca do O Baixo Miño existe un recurso destinado a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade ofertado dende a Mancomunidade. Este servizo conta con profesionais das áreas de Psicoloxía, Logopedia e Fisioterapia. Vontade apoia e complementa este recurso de Atención Temperá co servizo de Terapia Ocupacional, do que se están a beneficiar máis de 22 nenas e nenos. A finalidade do mesmo é proporcionar, tanto ás familias como á infancia con dificultades do desenvolvemento ou con risco de padecelas, a mellor atención posible e acadar a máxima autonomía na realización das distintas actividades da vida diaria.
Para poder levalo a cabo, este servizo de Terapia Ocupacional ofertado pola Asociación Vontade, conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia cunha contía total de 20.000€ procedentes da convocatoria de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF, a cal é xestionada dende COGAMI.
Existe unha necesidade real de traballar dende un enfoque proactivo, dende a prevención e actuación precoz para poder reducir ou evitar a aparición de futuras discapacidades, así como fomentar a autonomía e benestar das nenas e nenos.
Grazas ás persoas contribuíntes que están a marcar ou marcaron a X Solidaria na declaración da renda, no recadro “Actividades de interese xeral consideradas de interese social”, proxectos como o de Vontade son posibles e poden seguir apoiando ás persoas na consecución dos seus obxectivos de vida.