A colaboración de ENCE coa Federación COGAMI Pontevedra permitiu a compra dunha bicicleta adaptada a persoas con discapacidade
  • Novas
  • 31 de marzo de 2021

A colaboración de ENCE coa Federación COGAMI Pontevedra permitiu a compra dunha bicicleta adaptada a persoas con discapacidade

A práctica de deporte non sempre se pode realizar en igualdade de condicións para todas as persoas, como ocorre cando unha persoa con mobilidade reducida quere montar en bicicleta e precisa dunha que sexa adaptada. O custo deste material non sempre é accesible ás economías particulares, ocasionando que a súa práctica sexa limitadora.

Dende a Federación de Asociacións de Persoas con Discapacidade da Provincia de Pontevedra (Federación COGAMI-Pontevedra) buscaron o apoio dun organismo que puidera colaborar na compra dunha bicicleta adaptada, como así fixo ENCE tras financiar con 15.000 euros o proxecto Vive el deporte, vive Pontevedra.

A través deste proxecto, 89 persoas puideron participar no percorrido de rutas polo paseo do  Río Lérez e a Illa das Esculturas en Pontevedra tanto en bicicleta adaptada como en bicicletas convencionais e en cadeiras de rodas, co fin de poder gozar da práctica deste deporte e do contacto coa natureza.

Ademais da compra da bicicleta adaptada, dende a Federación adquiriuse tamén material de prevención  ante o COVID-19 e deste xeito cumprir con todas as medidas sanitarias e de seguridade entre as persoas participantes nas rutas.

Segundo Ángel Holguera, o presidente da Federación COGAMI Pontevedra “Queremos agradecer a ENCE a súa colaboración a favor da inclusión das persoas con discapacidade da provincia. Esta non é a primeira vez que a empresa colabora coa nosa entidade e que apoia os proxectos de lecer e participativos que lle presentamos”.

Outros proxectos desenvolvidos pola Federación COGAMI Pontevedra e que contaron co apoio de ENCE foron Pedaleando e Navegando por unha Ría Inclusiva e O que nos move por mar e terra, todos eles relacionados coa práctica do deporte inclusivo.