A  Deputación da Coruña e COGAMI reforzan a súa colaboración para a inserción laboral das persoas con discapacidade da provincia
  • Novas
  • 19 de julio de 2021

A Deputación da Coruña e COGAMI reforzan a súa colaboración para a inserción laboral das persoas con discapacidade da provincia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, mantiveron unha xuntanza para abordar a colaboración entre ambos organismos. Ámbolos dous analizaron os resultados do Servizo de Orientación e Intermediación Laboral (SIL), que conta co apoio económico da Deputación, e que o ano pasado, marcado pola pandemia, facilitou a inserción laboral de 1.705 persoas con discapacidade en Galicia, 714 delas na provincia da Coruña.

Dende a Deputación reforzaron o seu apoio ao SIL a través dunha achega que incrementou, pasando dos 60.000 aos 90.000 euros anuais, para manter en funcionamento un servizo que promove a inclusión laboral das persoas con discapacidade, que contan cunha taxa de paro que é 10 puntos superior.

O presidente da Deputación da Coruña apuntou que se trata “dunha axuda fundamental para un colectivo con especiais dificultades para acceder ao mercado laboral” e insistiu na importancia do traballo que leva a cabo o equipo de COGAMI, un grupo “multidisciplinar de profesionais en orientación laboral e axentes de emprego que permite buscar os perfís profesionais que mellor se adapten ás necesidades das empresas”.

Por parte de COGAMI, Anxo Queiruga agradeceu o apoio da Deputación para o desenvolvemento deste servizo que conta con 18.561 persoas inscritas, 8.064 delas da provincia de A Coruña, e lembrou que “as dificultades na inserción laboral das persoas con discapacidade estanse a agravar polas consecuencias sociais e económicas derivadas da pandemia”, apuntando a necesidade “achegar os servizos ao rural así como rachar coa fenda dixital, cara a garantir a participación en igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade”.