A Federación Discafis-COGAMI sensibiliza sobre a discapacidade a escolares de O Irixo e Boborás
  • Novas
  • 04 de junio de 2021

A Federación Discafis-COGAMI sensibiliza sobre a discapacidade a escolares de O Irixo e Boborás

A Federación de Asociacións de Persoas con Discapacidade de Ourense (Discafis-COGAMI) impartiu dúas charlas de sensibilización sobre a discapacidade nos ciclos infantil e primaria dos colexios dos concellos de Boborás e O Irixo.

Estas charlas foron Impartidas pola educadora social da entidade, Tatiana Estévez, quen estivo acompañada por Delfín Cabo, membro da xunta directiva da asociación ASDIFICA, entidade membro de Discafis-COGAMI e, como persoa que vive cunha discapacidade física de mobilidade reducida, presentoulles o seu día a día ás alumnas e alumnos. Ademais, realizouse unha actividade denominada Ponte no meu lugar, onde as e os menores puideron facer un percorrido con obstáculos sentados en cadeiras de rodas.

Ademais destas dúas charlas, Discafis-COGAMI realizou outra no colexio de Castro Caldelas, achegando a máis de 200 alumnas e alumnos de zonas rurais da provincia a realidade das persoas con discapacidade.

Que é a discapacidade, tipoloxías, como se debe tratar a unha persoa que ten discapacidade, foron algúns dos temas que se trataron durante estas charlas coas que se pretende concienciar sobre a diversidade que existe na sociedade, que todas as persoas somos diferentes e de que todas temos capacidades.