Éxito de participación na Unidade de Axuste de Persoal que o servizo de Emprego de COGAMI iniciou, co fin de fomentar a inclusión social e o acceso e permanencia no emprego das persoas con discapacidade con especiais dificultades de inserción.
Financiada polo Fondo Social Europeo, a través dunha convocatoria da Confederación Empresarial Española de Economía Social (CEPES), durante os dous anos que estivo en vigor esta unidade con data de finalización o 31 de agosto, o equipo de profesionais integrado por unha traballadora social, unha psicóloga e unha orientadora laboral, atendeu un total de 121 persoas traballadoras de 9 centros especiais de emprego, sete destes de COGAMI Empresarial, sendo Accede Social S.L, Coregal, Combina Social S.L, Galega de Economía Social, Dixardín, Grafinco, Trameve, ademais das iniciativas Entrelampo e Máis Porvir Xestión Social S.L.U.
A cada unha das persoas participantes na unidade deseñóuselle un itinerario personalizado, iniciado tras manter entrevistas nas que se detectaron as necesidades que presentaban. Dificultades de comunicación con profesionais de rangos superiores, conflitos con compañeiras ou compañeiros ou na unidade familiar, estado de ansiedade, estrés e descoñecemento para realizar xestións administrativas, entre outras, foron algunhas das necesidades detectadas.
Despois de traballar con todas estas persoas, a maior parte das participantes, un total de 114, mantiveron o seu posto de traballo nas empresas sociais participantes, conseguindo renovar os contratos temporais, desenvolverse eficazmente no seu posto e adquirir habilidades sociais.
Este proxecto de Unidade de Axuste de Persoal naceu tras detectar que unha parte de persoas con discapacidade non lograban manterse nun posto de traballo despois de tres meses ou que non estaban preparadas para a inserción pola falta de habilidades transversais. A través desta unidade pretendeuse conseguir tanto a incorporación como a permanencia no mercado de traballo da persoa, sendo efectiva no 94% de participantes.