• Novas
  • 02 de septiembre de 2020

Alumnado do curso de servizos administrativos realizou prácticas en empresas da comarca compostelá

Alumnado do curso de servizos administrativos realizou prácticas en empresas da comarca compostelá


Moitos dos cursos que imparte COGAMI comprenden, ademais da formación teórica, completar os coñecementos coa realización de prácticas en empresas que colaboran desinteresadamente con nós. Unha destas empresas que presta os seus medios e tempo para a formación é CLUN, a cooperativa láctea Feiraco.

Acolleu como alumnado en prácticas a Beatriz e José María, dúas persoas que se formaron no curso Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais de AFD (Accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas) que iniciou no mes de xaneiro.

Dende COGAMI, falamos coa directora de persoas e RSC de CLUN, Sonia González, para que coñecer como está resultando esta colaboración e que resultados aprecian nas persoas que realizan as prácticas.

Dende hai tempo, CLUN colabora con COGAMI na formación do seu alumnado, como está resultando a experiencia?

Moi satisfactoria, comprobamos que as persoas que veñen realizar as prácticas chegan moi motivadas e iso redunda nunha boa disposición para a aprendizaxe.

Hai alumnado noso que chega de ámbitos profesionais diversos que, por enfermidade ou accidente que deriva en incapacidade laboral, teñen que empezar de cero noutra profesión, coas posibles inseguridades que poden ocasionar. Isto se aprecia dende RRHH?

É normal certo grao de inquietude ou inseguridade pola adaptación a unha nova situación, pero é exactamente igual ao que poden vivir outras persoas que veñen por primeira vez realizar prácticas ou incorporarse nun novo posto de traballo. Non apreciamos ningunha diferenza.

Como recibe o resto de persoal laboral o feito de que a empresa confíe en dar oportunidades a persoas con discapacidade? Non sempre é doado que unha empresa confíe nunha persoa con discapacidade por moitos prexuízos que aínda hoxe existen. É certo que cando si se leva a cabo esta contratación, a persoa traballadora está máis involucrada ou tamén resulta ser un mito?

Penso que a discapacidade non é determinante para predicir un bo desempeño, depende de cada persoa. 

Dende CLUN, que accións levades a cabo para potenciar a inclusión laboral de persoas con discapacidade, aparte de colaborar con COGAMI?

Priorizamos na subcontratación de certos servizos con centros especiais de emprego. Tamén estamos abertos e dispostos, xa que encaixa dentro da nosa política de RSC, a escoitar e atender calquera asociación, entidade… de persoas con discapacidade para poder valorar os seus servizos dentro da nosa Cooperativa.

Outra empresa das que colabora con COGAMI é o centro de fisioterapia CIAN VITAL, na que estivo a alumna en prácticas Raquel Condide. Raquel di que lles gustou a experiencia, que lle serviu para aprender moito e que se sentiu cómoda durante as prácticas. Estivo durante unha semana na recepción, arquivando expedientes de pacientes, implementando axendas coas citas dos pacientes e contestando ao teléfono.

Para Raquel as prácticas son esenciais para poder aplicar a teoría aprendida durante as clases na aula e, tras rematar esta formación, ten intención de seguir ampliándoa ao mesmo tempo que se interesa polas ofertas de emprego que saian.