Ante a emerxencia social, as entidades galegas máis ca nunca pedimos o apoio das persoas contribuíntes na Declaración da Renda
  • Novas
  • 08 de abril de 2021

Ante a emerxencia social, as entidades galegas máis ca nunca pedimos o apoio das persoas contribuíntes na Declaración da Renda

Co inicio da campaña para a presentación da Declaración da Renda, as ONG galegas, baixo o paraugas de EAPN Galicia, Cermi Galicia e Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia, máis ca nunca, pedimos a colaboración da cidadanía para que marque o recadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”, o que se coñece como X Solidaria.

A emerxencia sanitaria que padecemos dende hai un ano, está facendo máis vulnerables ás persoas que xa o eran antes da pandemia. Cara elas as ONG galegas destinan programas e servizos necesarios que, para seguir manténdose, precisan do financiamento económico que chega a través do 0,7% do IRPF, un orzamento que ás persoas contribuíntes non lles supón ningún custo a maiores e que resulta necesario para a supervivencia de moitos programas de atención ás persoas en exclusión social ou pobreza.

En Galicia, a campaña de 2020 recadou 19.292.383 euros, unha cantidade aportada polas 735.705 persoas que marcaron a X Solidaria na súa Declaración. Comparada coa campaña anterior, foron 19.504 persoas máis as que marcaron a X Solidaria permitindo recadar 1.828.550 euros máis. Como media cada contribuínte aportou 26,22 euros.

Actualmente, son aínda 594.110 persoas contribuíntes as que seguen sen marcar a X Solidaria (un total de 473.691 non marcaron ningún recadro e 120.419 só marcaron o da Igrexa). No caso de facelo, permitirían que a asignación final en Galicia incrementara en 12.984.780 euros ata un total de 32.277.165 euros.

En palabras de Patricia Blanco, tesoureira de EAPN Galicia-Rede Europea contra a Pobreza “o IRPF abarca unha gran diversidade de programas. Aquí estamos representadas entidades que loitamos contra a pobreza, pola discapacidade e pola infancia, que vimos desenvolvendo todo tipo de actividades como programas de atención temperá, de inserción laboral, de exclusión social, para a atención a mulleres en situación de violencia machista, programas educativos.... abarcamos múltiples eidos, intentando dar resposta ás necesidades sociais que detectamos dende os nosos colectivos”. Blanco destacou igualmente o incremento de demandas detectado dende o inicio da pandemia “xa viñamos atendendo a un gran número de poboación á que debemos seguir prestando servizos, pero agora súmanse novos perfís en situación de exclusión social, aos que debemos de prestar axuda antes de que se cronifique a súa situación”.

Pola súa banda, o presidente do CERMI Galicia Luciano Fernández, resaltou que “no ámbito da discapacidade estamos a observar un incremento do empobrecemento en xeral. Moitas familias quedaron sen recursos e estamos a ver como se agravan doenzas e se ralentizan recuperacións funcionais que precisan moitas persoas con discapacidade”.

Finalmente, Xesús Vilas, presidente da Plataforma pola Infancia de Galicia, destacou “o aumento dos nenos e nenas que se atopan en risco de exclusión social. As familias teñen cada vez máis problemas para chegar a fin de mes, e iso tradúcese nun incremento das necesidades de moitos nenos, que por desgracia seguirán a incrementarse de non contar cos apoios necesarios”

emerXencia SOLIDARIA

O Terceiro Sector galego presentaba na Praza da Quintana a campaña do X Solidario que, coas medidas sanitarias pertinentes, reuniu a 20 persoas con globos nos que podían lerse “Emerxencia Solidaria” unha situación agravada coa pandemia. Ante a prevista diminución da recadación do imposto da renda derivada da crise económica, as entidades lanzaron un “chamamento de auxilio” durante a lectura dun manifesto.

Nestes días, profesionais e voluntarias de moitas ONG prestan un servizo esencial na loita contra o COVID-19 e seguirán a facelo cando remate a pandemia, apoiando ás persoas máis vulnerables e defendendo os seus dereitos. Un traballo que é posible, en grande parte, grazas a todas as persoas contribuíntes que marcaron o X Solidario na súa Declaración da Renda.

As entidades sociais lembraron que “somos un servizo esencial” que estivo en primeira liña  apoiando e defendendo os dereitos das persoas máis vulnerables, por iso piden o apoio para “contribuír ao funcionamento das entidades que defendemos os dereitos da cidadanía”.

Para rematar, as entidades de acción social galegas queren recordar que “marcando o X Solidario, o recadro de ‘Fins Sociais’, NIN pagamos máis NIN imos recibir menos cartos no caso das devolucións e podemos contribuír á realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan”.

Asegurar o traballo para as persoas e non a burocracia

As redes e organizacións que impulsamos esta campaña, cremos fundamental  manter a  filosofía destes fondos de acción social que dende hai tres anos xestiona a Xunta de Galicia.

Evitar a dispersión e a burocracia a través a través da xestión dos fondos por un único departamento: a Consellería de Política Social. Seguir garantindo que no último trimestre do ano sexa comunicada a resolución e ingresados os cartos para poder poñer en marcha e sobre todo dar continuidade aos programas.

Manifesto Emerxencia Solidaria

Hoxe, 8 de abril, as federacións e redes que representamos ao Terceiro Sector galego na loita contra a pobreza e a exclusión social queremos facer unha chamada á sociedade para que, na súa Declaración da Renda, marque o recadro do X Solidario, de Actividades de Interese Social.

Este non é un acto nin unha campaña mais. É un chamamento de auxilio para que a prevista inferior recadación do Imposto da Renda pola crise económica non poña en perigo a supervivencia de programas e organizacións e que agrave a emerxencia sanitaria e social que estamos a padecer.

Máis que nunca, é necesario contribuir ao funcionamento das entidades que defendemos os dereitos da cidadanía. Somos un servizo esencial que está na primeira liña loitando contra os catastróficos efectos da pandemia polo COVID-19 e que o seguirá a facer cando esta remate.

Como sabedes, cada ano a Administración permite que os e as contribuíntes decidan o destino do 0,7% dos impostos que se recadan mediante o IRPF. Cando alguén fai a declaración da renda ten CATRO alternativas:

Marcar o recadro de ‘fins sociais’ (“Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”) e destinar o 0’7% dos seus impostos para que as entidades de carácter social poidan realizar proxectos coas persoas que máis o precisen.

Marcar os dous recadros:  ‘Fins sociais’ e ‘Igrexa Católica’ e destinar deste xeito, o 0’7% dos teus impostos a cada un, é dicir un 1’4%.

Marcar só o recadro da ‘Igrexa Católica’.

Non marcar ningún recadro e que sexa o Estado quen decide o que se fai con ese 0’7%.

Decidir o que queremos que se faga cos nosos impostos é un dereito que non todo o mundo pon en práctica. O noso obxectivo é que a xente marque o recadro e decida.

Marcando o X Solidario, o recadro de ‘Fins Sociais’, NIN pagamos máis NIN imos recibir menos cartos no caso das devolucións e podemos contribuír á realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan.

Máis de 11 millóns de persoas viven en risco de pobreza a nivel estatal, 655.000 persoas en Galicia. 212.000 destas en pobreza severa. Persoas maiores, sen fogar, con discapacidade, enfermas de cancro, mulleres vítimas de violencia machista, nenos e nenas, desempregadas...

No 2020, a pesares do confinamento, conseguimos que case seis de cada dez  galegos e galegas marcaran o recadro da X Solidaria, vinte mil mais que no ano anterior. Recadáronse vinte millóns de euros, dous mais que no ano anterior.[1]

Se os 594.100 galegos e galegas que non o fixeron marcaran a X Solidaria, teríanse recadados case 13 millóns de euros mais[2].

A estas persoas nos diriximos especialmente para  lembrarlles que:

Marcar o X Solidario non custa nada. Nin pagas máis, nin che devolverán menos.

Se xa marcas a casiña da Igrexa, marcando tamén a de ‘Actividades de Interese Social’, poderás axudar o dobre.

Ti decides que o 0,7% dos impostos se destine integramente a programas desenvoltos polas ONG, coa máxima transparencia na súa xestión a través das diferentes convocatorias da Xunta de Galicia: Política Social, Igualdade e Sanidade.  A Xunta de Galicia lle reclamamos unha vez mais que reduza a burocracia o máximo posible e unifique todas as convocatorias nunha soa.

Grazas de novo á cidadanía galega por sumarse a esta emerxencia solidaria e garantir que, coa súa axuda, poidamos seguir avanzando.