O movemento asociativo de COGAMI reuniuse en Santiago de Compostela para conmemorar a XXXII Asemblea Xeral Ordinaria, unha xuntanza na que se expoñen os resultados acadados pola Organización durante o exercicio pasado e onde tamén se presenta a actividade que se está a desenvolver durante o ano actual.
Unha das preocupacións recollidas durante esta asemblea está relacionada coas convocatorias vinculadas ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) dos Fondos Next Generation EU. A día de hoxe COGAMI segue pendente dunhas convocatorias ás que opta xunto ás súas entidades membro con proxectos que buscan a mellora das instalacións, equipamentos e servizos para as persoas con discapacidade, tales como centros de día, vivendas e vehículos de transporte adaptado. "Reclamamos que os fondos se empreguen para mellorar o acceso ao mercado do traballo das persoas con discapacidade, aos servizos sociais e para reforzar a posta en marcha de medidas de inclusión social, garantindo que as persoas con discapacidade que viven no rural dispoñan das mesmas oportunidades que as que viven nas cidades, e que dispoñan dos apoios necesarios para a súa inclusión e participación na comunidade", segundo palabras do presidente de COGAMI, Anxo Queiruga.
Outro tema que se tratou durante esta xuntanza, está relacionado co concerto social das prazas públicas nos centros de atención diúrna e nocturna que ten COGAMI e as súas entidades membro. A Xunta de Galicia está levando a cabo un cambio na xestión do sistema de licitación e contratación de prazas con entidades sen ánimo de lucro que busca mellorar a viabilidade e estabilidade dun servizo necesario tanto para as persoas con discapacidade como para as súas familias. "Dende COGAMI, apostamos por un concerto social que garanta uns servizos de calidade conforme a principios de atención integral centrada na persoa", expresa o seu Presidente.
.jpg)
As etapas da infancia e a xuventude son unhas das máis discriminadas dentro do grupo social das persoas con discapacidade, con escaseza de apoios para a súa autonomía persoal e para a escolarización. Neste sentido, a atención temperá destinada a menores de 0 a 6 anos é outro dos recursos que presta COGAMI dende hai tres anos, cando iniciou a xestión deste servizo na comarca do Baixo Miño en colaboración coa entidade Vontade. “Dende hai tres anos os concellos e as familias están satisfeitas de ter un recurso de calidade e próximo, evitando desprazamentos ás cidades para recibilo”, explicaba Queiruga. O servizo de atención temperá ampliouse en xaneiro deste ano coa xestión do servizo que atende a nenas e nenos dos concellos de Abegondo, Bergondo e Culleredo. En palabras de Anxo Queiruga, “estamos pedindo que se destinen recursos para a atención temperá porque sabemos que é un servizo vital”, sobre todo se se ten en conta que as nenas e nenos con discapacidade viven moitas situacións discriminatorias que vulneran os seus dereitos fundamentais.
A asemblea rematou coa referencia aos once centros especiais de emprego que integran COGAMI Empresarial, nos que traballan 700 persoas, o 88% delas con discapacidade, conformando un total de máis de 1.100 persoas traballadoras no conxunto da Organización. "Solicitamos ás Administracións un firme compromiso coa economía social reservando carga de traballo nas licitacións e concursos que tramiten co fin de apoiar a xeración e mantemento do emprego das persoas con discapacidade", dixo Queiruga quen engadiu tamén que "pedimos que se cumpra coa lei de contratación pública e que as administracións reserven a carga de traballo que especifica a norma para os centros especiais de emprego de iniciativa social, sen ánimo de lucro". Outras das peticións lanzadas nesta asemblea referíanse á necesidade de facer seguimentos ás empresas que, con 50 ou máis persoas contratadas, non realicen a reserva de emprego a persoas con discapacidade, executando as medidas necesarias para garantir o cumprimento da lei.
Como remate, o balanzo realizado por COGAMI na organización da súa trixésima segunda asemblea anual ordinaria foi positivo, a pesar do COVID, da guerra de Ucraína, a escaseza das materias primas, ou a subida desmesurada dos prezos dos bens e servizos máis básicos, por exemplo. Malia o conseguido e realizado durante todo este exercicio, Anxo Queiruga apunta que aínda “quedan moitas cousas por facer e por conseguir”.