Co remate do ano 2021 tamén finalizou o programa UnióNet de intervención en Fisioterapia, Psicoloxía Clínica, Traballo Social e Educación Social que desenvolveu a asociación AODEMPER de atención a persoas con esclerose múltiple, Párkinson e enfermidades raras do medio rural e urbano da provincia de Ourense.
Un total de 131 persoas usuarias e familiares e coidadoras beneficiáronse deste programa través das TIC co que se pretende mellorar e adaptar os servizos que ofrece ás novas tecnoloxías da información e a comunicación favorecendo, a participación activa e autónoma da poboación destinataria no seu propio proceso de mellora.
Este programa contou coa cofinanciación da Xunta de Galicia de 12.000€ procedentes das persoas contribuíntes que marcaron o cadro de `Actividades de interese xeral consideradas de interese social´.
Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), a taxa de esclerose múltiple en España é de 1,44 persoas cada 1.000 habitantes, a da enfermidade de Párkinson é de 2,74 e a das enfermidades raras de 2,78. Estas cifras incrementan na comunidade galega, situándose en 1,60 a taxa de esclerose múltiple, rexistrando Ourense a taxa máis elevada con 1,84, en 4,91 a de Párkinson e en 2,86 a de enfermidades raras.