• Novas
  • 19 de enero de 2022

As empresas da comarca de Santiago propiciaron a contratación de máis de 250 persoas con discapacidade nos últimos cinco anos

As empresas da comarca de Santiago propiciaron a contratación de máis de 250 persoas con discapacidade nos últimos cinco anos

Nos últimos 5 anos, un total de 853 empresas galegas abriron un proceso de selección de persoal no que, na busca de perfís que mellor se adaptaran ao posto demandado, contactaron co Servizo de Orientación e Intermediación Laboral (SIL) de COGAMI, colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia e con autorización como Axencia de Colocación número 1200000003.

Destas empresas, 147 son do ámbito de actuación da oficina que ten COGAMI en Santiago, sendo punto de atención nas seguintes comarcas: A Barcala, Arzúa, Terra de Melide, Barbanza, Fisterra, Muros, Noia, Ordes, Santiago e o concello de Santa Comba. Unha destas empresas inclusivas que aposta pola igualdade de oportunidades é a compostelá Traslados Compostela. Precisaban cubrir un posto de administrativo e contactaron co SIL para que lles xestionase esta oferta. Dende o SIL, empezaron a buscar candidaturas na súa base de datos e seleccionaron a tres persoas que cumprían cos requisitos do perfil do posto. Quedaron coa primeira entrevistada. “Xa na entrevista lle vimos algo bo, que logo te podes equivocar, pero a nós non nos pasou”, di o xerente, José Antonio Brea.

A persoa seleccionada para o posto foi a veciña de Ames, Celia García. Nin ela mesma o cría porque, despois dun parón laboral de anos para dedicarse ao coidado e atención da súa familia e, ao seu propio coidado tras ser diagnosticada de fibromialxia, Celia pensaba que a volta ao mercado laboral ía resultarlle complexo. Necesita as tardes libres e, pola súa enfermidade, asistir a citas médicas programadas. “A empresa é moi comprensiva coa miña situación”, di Celia.

Celia xa leva traballando dous anos en Traslados Compostela. “Recoñezo que a primeira vez tiña as miñas dúbidas, por se era unha persoa que colle baixas seguida, que está sempre enferma. Pero para nada, non houbo ese problema e ata, no tempo que leva con nós, non colleu ningunha baixa”, afirma Antonio Brea.

A experiencia da empresa con Celia foi tan positiva que volveu contactar con COGAMI para seleccionar un perfil de condutor. Das 11 persoas que conforman o cadro de persoal, dúas delas teñen discapacidade. Empresas como a de Traslados Compostela propiciaron que, nos últimos cinco anos, un total de 1.662 persoas con discapacidade tiveran unha oportunidade laboral en Galicia, das que 259 estaban inscritas na oficina de COGAMI en Santiago.

O SIL, ademais de orientar ás persoas, tamén se encarga de contactar coas empresas ás que informa e asesora. Foron 1.603 as empresas visitadas en Galicia nos últimos cinco anos, algo necesario segundo opina Antonio Brea, quen recoñece que “moitas veces a discapacidade non se informa axeitadamente ao empresariado”.  Ademais, engade que ao principio tiña medo porque non sabía o que podía atopar, co que lanza unha mensaxe directa ás entidades “ao mellor o labor de COGAMI ten que ser o de abrirnos máis os ollos ao empresariado e informar que non ten por que haber máis baixas que noutro traballador”.

Cada vez son máis as empresas que incorporan aos seus cadros de persoal a profesionais con discapacidade, se ben é certo que o SIL ten que seguir co seu labor de informar, asesorar e sensibilizar a moitas outras que, por descoñecemento, aínda non se atreveron a contratar a persoas con discapacidade e con capacidades.