Nos últimos 5 anos, un total de 853 empresas galegas abriron un proceso de selección de persoal no que, na busca de perfís que mellor se adaptaran ao posto demandado, contactaron co Servizo de Orientación e Intermediación Laboral (SIL) de COGAMI, colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia e con autorización como Axencia de Colocación número 1200000003.
Unha destas empresas inclusivas que aposta pola igualdade de oportunidades é a asesoría de empresas ferrolá Maprisa. En 2004 solicitou información sobre os beneficios fiscais na contratación de persoas con discapacidade. Dende o SIL asesoróuselle e comunicóuselle que, ademais de contratar a persoas con talento, as empresas obteñen vantaxes fiscais como bonificacións nas cotas da seguridade social ou axudas na adaptación do posto de traballo. Para Francisco Prida, xerente de Maprisa o importante é que a persoa seleccionada desenvolva o seu traballo, segundo explica “se es capaz de traballar e de manter o nivel de traballo diario, contas cunha oportunidade nesta empresa”.
Empresas como a que dirixe Francisco Prida propiciaron que, nos últimos cinco anos, un total de 1.662 persoas con discapacidade tiveran unha oportunidade laboral en Galicia, destas 227 están nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Quen aproveitou unha destas oportunidades foi Thais Gorzoso. Despois de finalizar o contrato nunha empresa, contacta co SIL de COGAMI. Esta veciña de Ferrol contaba con experiencia como administrativa pero carecía da titulación requirida para desenvolver o posto. Asesorada pola orientadora laboral, formouse nun curso de actividades administrativas en relación co cliente e, meses despois, iniciou a súa carreira laboral na asesoría de empresas Maprisa, tras ser seleccionado o seu perfil como idóneo para o posto. Nesta empresa leva un ano e acaba de renovar por outro ano máis. “Estou moi contenta, estou encantadísima”, expresa Thais Gorgozo.
Maprisa contactou co SIL para solicitar cubrir unha vacante que tiña na empresa e, como contrapartida, o SIL buscou entre a base de datos as candidaturas que se axustaban a este perfil, resultando ser Thais finalmente a elixida dunha base de datos que supera as 2.000 persoas inscritas. “Estou encantada e no traballo entenden que teño algunha limitación. Teño diagnosticada diabetes que me ocasionou problemas nos ollos polo que, cando boto tempo diante do ordenador, é necesario que pare un pouco para descansar a vista. No traballo enténdeno perfectamente, como se teño algunha baixada de azucre. Son unha máis”, explica Thais.
Tras a experiencia, Maprisa encárgase de asesorar a outras empresas, segundo afirma o xerente, “existen reticencias entre o empresariado por medo a que collan moitas baixas e nós o que facemos é asesoralas e explicarlles que vai ser un traballador como outro”. Dende o SIL, ademais de realizarlle seguimentos tanto presencias como telefónicos ás persoas inscritas na súa base de datos, tamén se encarga de contactar coas empresas ás que informa e asesora. Foron 1.603 as empresas visitadas en Galicia nos últimos cinco anos, destas 185 eran da comarca ferrolá.
Cada vez son máis as empresas que incorporan aos seus cadros de persoal a profesionais con discapacidade, se ben é certo que o SIL ten que seguir co seu labor de informar, asesorar e sensibilizar a moitas outras que, por descoñecemento, aínda non se atreveron a contratar a persoas con discapacidade e con capacidades.